Federación

O V Congreso de CIG-Metal elixe a Xoán Xosé Bouzas novo secretario nacional

Xoán Xosé Bouzas, foi elixido novo secretario nacional da federación do Metal da CIG con 150 votos, fronte aos 66 obtidos por Miguel Malvido. Para a nova executiva, concorreron tres candidaturas, a encabezada por Bouzas recibiu 147 votos e 6 representantes, a encabezada por Malvido 62 votos e 2 representantes e a encabezada por Francisco Rodríguez, 20 votos e 1 representante. Para o Consello Confederal concorreron outras tres candidaturas, encabezadas por Bouzas, que obtivo 149 votos e 7 representantes; Malvido, con 63 votos e 3 representantes e Pedro Gómez, 19 votos e 1 representante.

O V Congreso de CIG-Metal, no que participaban 250 delegados/as, comezaba a primeira hora da mañá deste sábado, día 12 de xuño, baixo o lema “Na loita. Por un futuro industrial”. Lema no que se sintetiza, tal e como se recolle no Informe de Xestión, a idea de que é necesaria unha política de industrialización sostida no tempo, que modernice, diversifique e faga máis competitivo o noso tecido industrial, que sexa soporte da economía do país, “para manter os niveis máis altos de produción e de traballo da nosa industria para poder garantir o emprego. Sen industria non hai futuro”.

A Federación do Metal da CIG celebra o seu V Congreso o sábado 12 de xuño en Santiago de Compostela

Miguel Malvido e Xoán Xosé Bouzas Aboi encabezan as dúas candidaturas que concorren á Secretaria Nacional. A cita será no hotel Porta do Camiño a partir das 10.00 horas.

Dúas candidaturas optan á Secretaría Nacional da CIG-Metal no V Congreso da Federación que se celebra o sábado 12 de xuño no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela. Trátase das listas encabezadas polo actual secretario nacional, Miguel Anxo Malvido, e o secretario de Acción Sindical da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi. 

 Da cita de mañá tamén sairá a nova Executiva Federal, ademais de escollerse os membros que formarán parte do Consello Confederal. Son tres as listas que concorren a estes órganos de dirección: para a Executiva Federal, ademais das citadas anteriormente, súmase a que lidera Francisco Rodríguez Martínez; e para o Consello Confederal, ademais das de Malvido e Bouzas, concorre a encabezada por Pedro Gómez Collán.

A Xunta anula os Planos para reactivar Cerceda e As Pontes e deixa sen futuro a centos de traballadores das auxiliares do carbón

A CIG rexeita rotundamente a decisión adoptada pola Xunta de Galiza de suspender o Plano de Reactivación das Comarcas Mineiras de Cerceda e As Pontes, que suporá abandonar todo esforzo destinado á recolocación dos traballadores/as da industria auxiliar do carbón afectados polo peche das minas nestas dúas áreas. A decisión foi adoptada o pasado 30 de decembro na última xuntanza da Mesa do Carbón; xuntanza solicitada en reiteradas ocasións pola CIG para esixir o cumprimento dos obxectivos deste proxecto, xa que máis de dous anos despois da súa constitución a maioría dos traballadores continuaban en situación de desemprego.

Porén, para sorpresa desta central, a Dirección Xeral de Industria, en perfecta sintonía con CCOO, UGT e os representantes dos Concellos de Cerceda e As Pontes, (que desta forma rematan con éxito o seu traballo á contra realizado durante a vixencia do proxecto, evidenciado nos seus comportamentos tanto na propia Mesa como dende as súas responsabilidades de Goberno), acordou anular o Plano Galego de Reactivación para ambas comarcas (que se debería prolongar até o 2012), alegando unha baixa efectividade do mesmo.

Os traballadores de Rodicut convocan dúas novas xornadas de folga o 15 e 17 de decembro, con catro horas de paro en cada quenda

O Comité de Empresa de Rodicut ten convocada nesta semana dúas novas xornadas de folga nesta firma de mecanizados do Metal, que está situada en Mos. Así, pasarán a ser paros de catro horas en cada quenda, e están convocados para o martes 15 e o xoves 17 de decembro polo mantemento do emprego e pola readmisión dos sete compañeiros/as despedidos.

Despois de sete despedimentos, e ante posíbel chegada de máis despedimentos e pola falta de certezas de continuidade desta empresa de mecanizados do Metal en Mos, que pasou de ser unha firma familiar a unha multinacional co centro de decisión en Francia, e que pasou de querer negociar un convenio propio a este proceso de despedimentos sen ningún tipo de mediación nin aviso, o persoal de Rodicut volverá mobilizarse de xeito contundente en dúas novas xornadas de folga esta semana contra este tipo de decisións e polo mantemento dos postos de traballo.

Distribuir contido