Xeral

Os traballadores/as do Grupo AMS rexeitan cunha protesta diante da empresa o despedimento de 10 compañeiros/as

Arredor de medio cento de traballadores/as participaron hoxe na concentración convocada polo comité do Grupo AMS diante da sede da empresa en Vigo para rexeitar o despedimento de 10 compañeiros. A protesta, que terá continuidade nos vindeiros días desenvolveuse entre as 18.00 e as 20.00 horas no polígono do Freixo, en Sárdoma.

Dende o comité de empresa (catro representantes da CIG e un de CCOO) explicaron que a mobilización ten como obxectivo rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego extintivo presentado pola compañía e que afecta a un total de 81 traballadores/as no conxunto do Estado español, 10 deles no noso país.

Neste senso, indicaron que o período de consultas do ERE remata o 8 de maio, polo que anunciaron que levarán a cabo novas mobilizacións antes desa data, incluíndo a posibilidade de convocar unha xornada de folga.

AMS é unha empresa dedicada ao mantemento industrial que forma parte do Grupo Aldesa, inmobiliaria que conta con 800 empregados/as en todo o Estado español, 60 deles en Galiza (Vigo, A Coruña e Ferrol).

A CIG-Metal gaña as eleccións en Cyrgasa, auxiliar de Alcoa S. Cibrao, incrementando a maioría absoluta que xa tiña no Comité

A central nacionalista obtivo o 77% dos votos nas eleccións sindicais celebradas o pasado 20 de abril. Estaban convocados para este proceso, no que se escollían cinco delegados para o Comité, os 98 traballadores/as que conforman o cadro de persoal. Destes/as exerceron o seu dereito de voto 83 persoas, o que representa unha participación de case un 85%.

O escrutinio deulle á Confederación Intersindical Galega 64 votos, o que supón un 77,10% de apoios. A candidatura de CCOO, o outro sindicato que participaba nestas eleccións, obtivo 17 votos, representando un 20% dos votos.

Traducidos estes votos a delegados, a CIG conseguiu catro dos cinco representantes que se escollían neste proceso para o Comité de Empresa, o que aumenta a maioría coa que a central nacionalista xa contaba.

Os delegados da CIG de Cyrgasa agradeceron a ampla participación e o apoio masivo dos traballadores/as. “Estes resultados confirman a nosa liña sindical e  ratifican o bo traballo realizado polo noso sindicato”, subliñan nun comunicado.

A práctica totalidade do persoal de Comfica secunda o primeiro día de folga contra os despedimentos e a precarización laboral

A practica totalidade dos traballadores que Comfica Soluciones Integrales ten na provincia da Coruña están secundando este luns a primeira das catro xornadas de folga convocadas en contra do despedimento de oito compañeiros e a modificación substancial das condicións de traballo. A xornada de paro xeral comezaba cunha concentración ás 09:00 horas diante das instalacións que Comfica ten no Polígono de Pocomaco, na Coruña, até onde se trasladaron tamén os traballadores dos centros de Compostela e Ferrol.

Dende alí, os traballadores levaron a súa protesta até a sede principal de R no Obelisco, onde estiveron repartindo folletos explicativos entre os/as viandantes, e finalmente remataron cunha concentración nas oficinas de R no Polígono da Grela. 

A CIG lembra que o naval non pode acceder a contratos en México até que non conte cun novo sistema de bonificación fiscal

A CIG-Metal lembra que o naval non poderá acceder a novos contratos até que non conte cun sistema de bonificación fiscal alternativo ao tax lease. A central nacionalista responde deste xeito ás últimas informacións facilitadas pola Xunta nas que se dá por pechado un acordo coa petroleira mexicana Pemex para que os estaleiros galegos constrúan barcos da súa flota menor.

Dende a CIG reclámanlle ao presidente do Goberno galego que deixe de intoxicar á opinión pública ao asegurar que o naval galego vai poder acceder a novos contratos en México. O secretario nacional do Naval da central nacionalista, César Rodríguez, lembra neste senso que:

-Non é posíbel acceder a novas contratacións até que os estaleiros non conten cun novo sistema de bonificación que substitúa ao tax lease.

-O comisario europeo da Competencia recoñeceu, en resposta a unha pregunta da deputada europea do BNG, que aínda non existe unha proposta de tax lease por parte do Estado español.

Os traballadores/as de Comfica convocan catro días de folga contra da modificación das condicións laborais e os despedimentos

Os paros desenvolveranse os días 23, 27, 28 e 30 de abril e afectan aos tres centros da provincia da Coruña

Os traballadores e traballadoras dos centros que a empresa Comfica Soluciones Integrales ten na provincia da Coruña están chamados a participar nas xornada de folga convocadas para os días 23, 27, 28 e 30 de abril en contra dos despedimento de oito compañeiros e as pretensións da compañía de aplicar unha modificación das condicións laborais, no relativo aos salarios e ás retribucións pola realización das horas extraordinarias e as gardas.

A empresa, que realiza traballos de mantemento para R, alega perdas continuadas dende que o pasado ano asumiu o contrato coa compañía de telecomunicacións galega e agora pretende compensar os malos resultados a costa de reducir os salarios e rebaixar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras.

Unha procesión laica convocada pola CIG-Metal simboliza o enterro do sector naval da ría de Ferrol

A Federación do Metal da CIG organizou, no marco da semana santa, a primeira procesión laica protagonizada por traballadores/as do naval para simbolizar o enterro do sector. Con este acción reivindicativa, a central quere denunciar unha vez máis a preocupante situación que viven os estaleiros da ría de Ferrol, sen carga de traballo, e o total abandono por parte dos gobernos galego e español ante esta dramática situación, especialmente logo de confirmarse que o Executivo estatal non ten consignado nin unha soa partida para a construción do dique flotante.

Ataviados cos buzos de traballo e os cascos, estes particulares confrades sacaron nunha procesión laica polas rúas da cidade dúas imaxes que representan o afundimento dun buque partido pola metade, en clara referencia á situación de Navantia en Fene e Ferrol. Neste senso, o Secretario Comarcal da CIG-Metal, Vicente Vidal, subliñaba que con esta protesta a central sindical busca precisamente evitar o enterro dun sector que segue a ser o principal motor da economía da comarca.

Así o manifestaba Vidal ao asegurar que “non son confrades, son obreiros, e isto non é unha procesión é un drama real”, en referencia aos 17.000 empregos que dependen do sector e á falta de carga de traballo dos estaleiros, que a partir deste verán quedarán sen actividade.

Traballadores/as de Ferroplast volven concentrarse diante da empresa no Porriño para reclamar a readmisión dun compañeiro

Os traballadores/as da empresa Maier Ferroplast SL volveron ás mobilizacións diante da sede da compañía, no polígono porriñés da Granxa, para reclamar a readmisión dun compañeiro despedido. Dende a CIG explican que o afectado, técnico de mantemento na firma auxiliar da automoción que fabrica plásticos de interior para automóbil e que emprega a unhas 220 persoas, foi despedido despois de máis de 13 anos na empresa acusado de baixo rendemento. Ao parecer, a dirección tería comparado o tempo que tarda en desenvolver o seu labor co do resto dos seus compañeiros/as.

Dende a central nacionalista lembran que non existe ningún acordo entre a empresa e o comité que estableza a duración dos traballos e amosan a súa sorpresa porque "non sabíamos que facían medición de tempos". Ao mesmo tempo, lembran que o afectado ten recoñecida unha limitación que obrigaba a empresa a darlle cinco minutos de descanso cada hora. No momento do despedimento atopábase de permiso por paternidade.

A compañía tamén argumentou o despido disciplinario no "extenso historial de baixas" do traballador, pero os seus compañeiros/as matizan que se deberon a accidentes laborais. Critican tamén o feito de que se lle comunicara a decisión de súpeto, sen antes telo advertido ou sancionado.

Delegados do automóbil de Vigo ocupan a Inspección Traballo para esixir que fagan cumprir a normativa en materia de prevención

“A nosa saúde non é un negocio. Por unha inspección eficaz e activa”. Arredor dun cento de delegados/as do sector do automóbil da CIG -das federacións do Metal e de Químicas- ocuparon onte as oficinas da Inspección de Traballo en Vigo para esixir o cumprimento dos acordos en materia de prevención e saúde laboral. Dende a central nacionalista explican que a autoridade laboral se comprometera a analizar as condicións de traballo nunha serie de empresas que envían á Seguridade Social os traballadores con doenzas derivadas da labor que realizan en lugar de seren atendidos nas mutuas das propias compañías.

A protesta convocada pola Coordinadora do Automóbil da CIG comezou ás 10.30 horas coa ocupación simbólica do terceiro andar da sede da Inspección de Traballo, onde se atopan as oficinas do xefe provincial do departamento.

Os representantes sindicais solicitaron unha entrevista co responsábel da autoridade laboral, encontro que non se produciu até dúas horas despois. Aproveitaron ese tempo para facer visíbel a protesta no interior das dependencias e despregaron unha faixa na que se podía ler “A nosa saúde non é un negocio. Por unha inspección eficaz e activa”.

Máis de 5.000 persoas maniféstanse nas rúas de Compostela en demanda de carga de traballo para o naval de Ferrol

Tras dunha marcha a pé da Coruña a Compostela, os delegados/as de Navantia Fene-Ferrol e das auxiliares chegaban andando, contra as 10:00 horas, a San Lázaro, desde o Monte do Gozo. Era o penúltimo tramo da camiñada a Compostela. O último facíano en manifestación acompañados polos arredor de 5.000 traballadores/as chegados nos máis de 60 autobuses, desde a comarca de Ferrolterra. Unha manifestación que rematou en San Caetano, onde os membros do Comité de Empresa se reuniron co conselleiro de Industria para exixir xa o dique flotante e carga de traballo para o sector.

Manel Grandal, voceiro da CIG de Ferrolterra e membro da sección sindical de Navantia, lamenta os escasos froitos obtidos nesta xuntanza. “O conselleiro deu largas e condicionou todo aos acordos aos que cheguen os presidentes da Xunta e do goberno central. Sabemos que hai moitas presións, para favorecer ao sector en Andalucía en detrimento de Galiza e aquí non van facer nada até que pasen as eleccións andaluzas. Pero o naval de Ferrol non pode agardar máis. Precisa garantías de futuro, porque iso é o que está en xogo: o noso futuro”.

A CIG-Alcoa rexeita o acordo para o ERE temporal porque a empresa non garante a continuidade da fábrica nin dos empregos

A dirección de Alcoa logra, co apoio dos sindicatos asinantes do ERE, o recoñecemento da inviabilidade da planta da Coruña

A Sección Sindical da CIG en Alcoa quere reiterar que non participa na sinatura do acordo do ERE para a planta da Coruña porque non recoñece as causas económicas e produtivas achegadas pola dirección na documentación do expediente e nas que basea esta medida. Os delegados da CIG tampouco poden aceptar o Plan de Acompañamento Social do ERE porque non quedan recollidas garantías do mantemento do emprego nin da continuidade da actividade da fábrica.

De igual xeito, denuncian que tampouco se recollen solucións que permitan dar viabilidade á factoría ou a coloquen nunha mellor posición competitiva.

Distribuir contido