A Coruña, 20 de outubro do 2010
A Comisión de representantes dos mineiros das empresas auxiliares do carbón de Meirama e As Pontes vén de denunciar publicamente aos Concellos e á Xunta de Galiza por non levar a cabo as recolocacións de traballadores/as, comprometidas a través do Plan Miner. Os mineiros lembran que, logo das contundentes mobilizacións iniciadas en febreiro de 2006 ante o peche das minas de lignito pardo, acadaron o dereito a seren recoñecidos e recolocados como "excedentes da minaría", mais a día de hoxe non se efectivizou ningunha das contratacións incluídas nos programas de reactivación industrial, e estabelecidas como condición para o acceso das empresas ás axudas.
Porén, para sorpresa desta central, a Dirección Xeral de Industria, en perfecta sintonía con CCOO, UGT e os representantes dos Concellos de Cerceda e As Pontes, (que desta forma rematan con éxito o seu traballo á contra realizado durante a vixencia do proxecto, evidenciado nos seus comportamentos tanto na propia Mesa como dende as súas responsabilidades de Goberno), acordou anular o Plano Galego de Reactivación para ambas comarcas (que se debería prolongar até o 2012), alegando unha baixa efectividade do mesmo.