Xoán Xosé Bouzas, foi elixido novo secretario nacional da federación do Metal da CIG con 150 votos, fronte aos 66 obtidos por Miguel Malvido. Para a nova executiva, concorreron tres candidaturas, a encabezada por Bouzas recibiu 147 votos e 6 representantes, a encabezada por Malvido 62 votos e 2 representantes e a encabezada por Francisco Rodríguez, 20 votos e 1 representante. Para o Consello Confederal concorreron outras tres candidaturas, encabezadas por Bouzas, que obtivo 149 votos e 7 representantes; Malvido, con 63 votos e 3 representantes e Pedro Gómez, 19 votos e 1 representante.
O V Congreso de CIG-Metal, no que participaban 250 delegados/as, comezaba a primeira hora da mañá deste sábado, día 12 de xuño, baixo o lema “Na loita. Por un futuro industrial”. Lema no que se sintetiza, tal e como se recolle no Informe de Xestión, a idea de que é necesaria unha política de industrialización sostida no tempo, que modernice, diversifique e faga máis competitivo o noso tecido industrial, que sexa soporte da economía do país, “para manter os niveis máis altos de produción e de traballo da nosa industria para poder garantir o emprego. Sen industria non hai futuro”.