Estatutos

A. OBXECTIVOS E PRINCIPIOS

>TÍTULO I, Definición Ámbito e Obxectivos 

>TÍTULO II, Dos Membros

     Capitulo 1. Da condición de afiliada ou afiliado

     Capitulo 2. Réxime de dereitos e deberes

     Capitulo 3. Do réxime de garantías e sancións

     Capitulo 4. Do réxime de imcompativilidades

>TÍTULO III, Organización

>TÍTULO IV, Dos Órganos de Goberno

     Capitulo 1. Dos órganos federais

     Capitulo 2. Dos órganos territoriais

     Capitulo 3. Das Seccións Sindicais

     Capitulo 4. Normas xerais de funcionamento

     Capitulo 5. Do réxime electoral

>TÍTULO V, Do Réxime económico

>TÍTULO VI, Da Comunicación

>TÍTULO VII, Das Modificacións Orgánicas e Dos Estatutos

 

B. DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

A. OBXECTIVOS E PRINCIPIOS

>TÍTULO I, Definición Ambito e Obxectivos

Art. 1.- A FEDERACIÓN DO METAL da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA, en siglas CIG-METAL, é unha organización creada polos traballadores e traballadoras de Galiza da industria siderometalúrxica; en todas as súas ramas de fundición, fabricación de maquinaria, bens de equipo, material eléctrico e electrónico, vehículos, construción e reparación naval, siderurxia, metalgráfica, instalacións metálicas, talleres mecánicos e manufacturados metalúrxicos.

Art. 2.- A CIG-METAL é unha organización sindical integrada na Confederación Intersindical Galega (CIG), aceptando os seus estatutos e os postos que nos órganos de dirección da CIG nos correspondan pola nosa representatividade.

Art. 3.- A CIG-METAL estabelece o seu domicilio en Vigo, Avda. Gregorio Espino Nº 47, entrechán. O Consello Federal poderá decidir o cambio de domicilio.

Art. 4.- A CIG-METAL ten como ámbito territorial o da NACIÓN GALEGA, constituíndose por tempo indefinido.

Art. 5.- A CIG-METAL goza de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar dentro do ámbito da súa competencia para o cumprimento dos seus obxectivos.

 

>TÍTULO II, Dos Membros

     Capítulo 1. Da condición de afiliada ou afiliado.

Art. 6.- A afiliación a CIG-METAL é individual e voluntaria. A condición de afiliado ou afiliada leva implícita a súa afiliación á CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA, en siglas CIG.

Art. 7.- Poderán afiliarse á CIG-METAL todos os traballadores e traballadoras de Galiza, en situación laboral de activo, parado, pensionista ou xubilado, que presten os seus servizos ou os prestasen ou soliciten prestalos nunha empresa pertencente ás actividades nomeadas no artigo 1º destes Estatutos. As traballadoras ou traballadores autónomos, así como os socios de cooperativas e de sociedades anónimas laborais ou asimilados que non teñan traballadores ou traballadoras asalariadas ao seu cargo, poderán participar na Federación do Metal nos termos que determine o Consello Federal. Igualmente aprobará a formula de adhesión especial con que poidan vincularse os traballadores e traballadoras galegas residentes no exterior.

Art. 8.- A solicitude de afiliación farase no locais da CIG-METAL, nas Seccións Sindicais de Empresa ou, no seu defecto, no local da CIG.

Art. 9.- A condición de afiliado ou afiliada leva inherente o pago da cota, de acordo coas normas de administración e contabilidade aprobadas pola CIG.

Art. 10.- O exercicio do dereito de acceso aos servizos técnicos, así como a participación nas eleccións internas, non poderá ser reclamado ata transcorridos tres meses, dende a data de afiliación, e ter pagadas as cotas correspondentes a ese período de tempo.

Art. 11.- O afiliada ou afiliado poderá causar baixa da CIG-METAL polas seguintes causas: a) A petición propia. b) Por non aboar a cota nos tres primeiros meses dende a formalización da ficha de afiliación. c) Por non aboar a cota durante seis meses sen alegación dunha causa xustificada; neste caso poderá producirse o reingreso sen perda dos dereitos de antigüidade previo pagamento das cotas adebedadas e sempre que non transcorran máis de doce meses. d) Por deixar de reunir as condicións subxectivas requiridas nos presentes Estatutos para poder participar na CIG-METAL. e) Por suspensión definitiva dos dereitos como afiliado ou afiliada, en resolución validamente adoptada polo organismo competente.

     Capítulo 2. Réxime de dereitos e deberes.

Art. 12.- Son dereitos dos afiliadas e afiliados a CIG-METAL os seguintes: a) Beneficiarse de todos os servizos da CIG-METAL, asegurando en todo momento un trato de igualdade. b) Acceder ás prestacións de servizos complementarios de que dispoña a CIG, nas condicións e requisitos que se estabelezan no seu réxime de xestión, que en ningún caso poderán supor discriminación dos dereitos subxectivos dos afiliados e afiliadas. c) Garantía da súa liberdade de expresión e opinión interna, e respecto ás súas ideas. d) Elixir e ser elixido para todo tipo de cargos na CIG-METAL. e) Ser axudado en caso de represión pola súa pertenza a CIG-METAL, ou polo exercicio de actividade sindical.

Art. 13.- Son deberes de todos os afiliadas e afiliados da CIG-METAL os seguintes: a) Respectar as decisións democraticamente adoptadas, recoñecéndose o dereito a manter a súa opinión. b) Defender e aumentar o prestixio e imaxe da Federación e da Confederación. c) Respectar as decisións dos Congresos ou de calquera outro tipo de organismo de Dirección da Federación ou da CIG. d) Participar na medida das súas posibilidades nas actividades da Federación e da Confederación

     Capítulo 3. Do réxime de garantías e sanción.

Art. 14.- Para a atención de conflitos internos da propia Federación, que afecten exclusivamente a esta, tanto nas súas relacións estruturais como nas relacións entre a afiliación, o Congreso elixirá tres instrutores/as para dar saída aos conflitos antes citados. Tamén darán cumprida resposta aos expedientes disciplinarios que se abran no seo da federación.

     Capítulo 4. Do réxime de incompatibilidades.

Art. 15.- O desempeño dos cargos de Secretario ou Secretaria Xeral, e Secretaria ou Secretario Comarcal, así como manter a condición de liberado ou liberada da Federación, son incompatíbeis con: a) Presidente ou Presidenta, Secretario ou Secretaria Xeral, ou Portavoz público dun partido ou organización política. b) Parlamentario/a, Alcalde ou Alcaldesa, Concelleira ou Concelleiro, cargo público de designación directa na administración do Estado, Autonómica, Provincial ou Local. c) Os cargos de Secretario ou Secretaria Xeral e Secretario ou Secretaria Comarcal non poderán ser candidatos ou candidatas a calquera cargo de representación político partidaria mediante sufraxio universal.

Art. 16.- Ningún organismo ou cargo da CIG-METAL, en canto tal, poderá apoiar candidaturas ás diferentes eleccións que se realicen na Federación.

Art. 17.- O exercicio das responsabilidades de membros da Executiva Federal é incompatíbel co exercicio de calquera outro cargo que implique a pertenza ao Secretariado Federal.

Art. 18.- O exercicio de calquera cargo que implique a pertenza ao Secretariado Federal é incompatíbel coa pertenza a calquera órgano executivo confederal.

 

>TÍTULO III, Organización

Art. 19.- Territorialmente, a CIG-METAL organízase en estruturas comarcais, seguindo o criterio de asegurar a afinidade xeográfica e a operatividade sindical.

Art. 20.- Considéranse constituídas as seguintes comarcas: - Vigo - Santiago - Coruña - Ferrol - Lugo - Ourense - Pontevedra - A Mariña

Art. 21.- A constitución de novas comarcas realizarase pola decisión do Consello Federal, a proposta do Secretariado Federal e dos Consellos Comarcais afectados.

 

>TÍTULO IV, Dos Organos de Goberno

     Capítulo 1. Dos órganos federais

Art. 22.- No ámbito nacional, son órganos de representación, administración e goberno da CIG-METAL, os seguintes: a) O Congreso b) O Consello Federal c) O Secretariado Federal d) A Executiva Federal.

Art. 23.- A composición do Congreso será fixada polo Consello Federal con suficiente antelación, seguindo criterios de proporcionalidade conforme ao número de afiliados e afiliadas. A participación no Congreso será mediante delegadas e delegados elixidos nas distintas comarcas e empresas seguindo criterios de proporcionalidade. As/os membros do Consello Federal son membros natos do Congreso.

Art. 24.- O Congreso será convocado con carácter ordinario polo Consello Federal, polo menos unha vez cada catro anos. A convocatoria farase con seis meses de antelación e notificarase por escrito ás Comarcas. O funcionamento do Congreso axustarase ao regulamento que, elaborado polo Consello Federal, sexa aprobado polo propio Congreso.

Art. 25.- Son competencias do Congreso: a) Aprobar ou reformar os estatutos, e as bases programáticas da CIG-METAL. b) Definir o programa de Acción Sindical e a política sindical da CIG-METAL. c) Elixir as/os membros da Executiva Federal e de entre eles o Secretario ou Secretaria Xeral. d) Elixir as/os representantes que, por parte da CIG-METAL, corresponden no Consello Confederal da CIG. e) Aprobar a liquidación de contas. f) Analizar a xestión dos órganos nacionais da CIG-METAL. g) Ratificar a admisión e ou exclusión de membros ou colectivos da CIG-METAL. h) Acordar a vinculación ou desvinculación orgánica da CIG. i) En xeral resolver cantas cuestións lle sexan formuladas.

Art. 26.- Unha vez rematado o Congreso, estabelécese un prazo de dous meses para a celebración das distintas Asembleas Xerais Comarcais.

Art. 27.- A convocatoria do Congreso Extraordinario, deberá estar avalada por 2/3 do Consello Federal, 1/3 da afiliación total, ou ben por 2/3 da afiliación representada a través dos diferentes organismos. Entre a convocatoria, que deberá facerse por escrito, e a celebración non poderán transcorrer menos de dous meses nin máis de seis meses. O Congreso Extraordinario só poderá tratar os temas para os que foi convocado.

Art. 28.- O Consello Federal é o órgano máximo entre Congresos e estará constituído por: a) Os/as representantes elixidos polas Asembleas Comarcais, a razón dun por cada douscentos afiliados/as ou fracción superior a cen, incluíndo o Secretario ou Secretaria Comarcal. b) O Secretariado Federal. c) A Executiva Federal.

Art. 29.- O Consello Federal dispón dun prazo máximo de dous meses para se constituír con todos os seus membros, contados/as dende a data de celebración do Congreso.

Art. 30.- O Consello Federal reunirase ordinariamente unha vez cada catro meses a convocatoria da Executiva Federal, e extraordinariamente cando o decida esta, ou a metade do Secretariado Federal, ou 1/3 dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría simple, agás aqueles casos nos que os Estatutos exixan maioría cualificada.

Art. 31.- As funcións do Consello Federal son: a) Aprobar o seu regulamento, por maioría de 2/3 dos presentes. b) Elaborar e aprobar o regulamento do Congreso, por maioría de 2/3 dos presentes. c) Elaborar o regulamento precongresual por maioría de 2/3 dos presentes. d) Elaborar os informes, relatorios e propostas para ser debatidas no Congreso. e) Nomear Comisións de traballo para o que estime oportuno. f) Examinar a xestión do Secretariado e Executiva federais. g) Adoptar resolucións de urxencia sen contradicir o Congreso. h) Marcar as liñas xerais de actuación e reivindicación na Acción Sindical e Negociación Colectiva. i) Convocar a Conferencia Sindical Nacional. l) Aprobar os orzamentos económicos anuais. m) Ratificar a distribución das áreas de traballo e as responsabilidades específicas asignadas a cada Secretaría Federal. n) Resolver os conflitos internos da propia Federación nas súas relacións estruturais.

Art. 32.- O Secretariado Federal está composto por: a) As Secretarias ou Secretarios Comarcais da Federación. b) As/os membros da Executiva Federal elixidos no Congreso. c) As/os responsábeis nacionais dos subsectores.

Art. 33.- O Secretariado Federal xuntarase con carácter ordinario unha vez cada dous meses a convocatoria da Executiva Federal, que tamén o convocará con carácter extraordinario por propia iniciativa, ou cando así o soliciten 1/3 dos seus membros.

Art. 34.- O Secretariado Federal terá as seguintes competencias: a) Coordinar a actividade sindical das distintas comarcas co fin dunha mellor operatividade sindical conxunta. b) A análise e seguimento dos conflitos laborais e da negociación colectiva cando a súa transcendencia así o aconselle ou a solicite algún dos seus membros. c) Nomear as/os representantes da Federación nos órganos de representación institucional de ámbito federal a nivel internacional, estatal e galego. d) Todo o relacionado coa contratación do persoal empregado da federación, así como un seguimento do seu traballo. e) Seguimento das eleccións sindicais. f) As que lle sexan expresamente delegadas polo Consello Federal ou atribuídas polos presentes Estatutos.

Art. 35.- A Executiva Federal está composta polas/os 7 membros elixidos no Congreso para exercer cada un deles, tanto a nivel externo como interno, unha responsabilidade nacional especifica a traveso dunha secretaría federal.

Art. 36.- A Executiva Federal reunirase ordinariamente con caracter quincenal por convocatoria do Secretario ou Secretaria Xeral, que igualmente convocará sesións extraordinarias por propia iniciativa ou a instancia de 1/3 dos membros do organismo.

Art. 37.- A Executiva Federal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica e legal da CIG-METAL, podendo delegar no Secretario ou Secretaria Xeral estas facultades para os únicos efectos de outorgamento de poderes. Ten ademais as seguintes competencias: a) Representación da CIG-METAL entre sesións do Consello Federal. b) Elaborar as publicacións e propaganda a nivel nacional. c) Decidir sobre cuestións urxentes que se presenten entre reunións dos organismos, dando conta destas na primeira reunión que estes celebren. d) Relacións interiores e exteriores así como coa CIG. e) A elaboración dos orzamentos e a xestión das finanzas. f) Dirixir e xestionar a política da CIG-METAL en materia de formación e emprego. g) Presentar un informe de xestión ao Congreso. h) Realizar aos organismos as propostas que estime conveniente. i) Nomear os/as membros das Comisións de traballo que fosen creadas polo Consello Federal. l) Coordinar todos os órganos da CIG-METAL, para garantir o seu funcionamento orgánico. m) Planificar o traballo das eleccións sindicais. n) Adverar os regulamentos das Seccións Sindicais, e resolver os conflitos entre Seccións Sindicais dentro dos grupos de empresa. o) As que lle sexan delegadas polo Consello Federal ou atribuídas por estes Estatutos. p) Nomear os/as responsábeis dos subsectores.

Art. 38.- O Secretario ou Secretaria Xeral é o cargo unipersoal elixido en Congreso de entre as e os membros elixidos da executiva que exerce a máxima representación pública da federación, impulsa e coordina o traballo dos organismos nacionais e preside as Sesións da Executiva Federal do Secretariado Federal e do Consello Federal.

Art. 39.- O Secretario ou Secretaria Xeral non poderá permanecer no cargo máis aló de tres mandatos consecutivos.

     Capítulo 2. Dos órganos territoriais

Art. 40.- Son órganos territoriais da CIG-METAL os seguintes: a) Asemblea Comarcal. b) O Consello Comarcal. c) A Executiva Comarcal.

Art. 41.- A Asemblea Comarcal é o máximo órgano da CIG-METAL no seu ámbito territorial específico. As súas competencias son: a) Elixir a Executiva Comarcal e o Secretario ou Secretaria Comarcal. b) Analizar a xestión do Consello Comarcal. c) Debater e resolver as cuestións que afecten a CIG-METAL na Comarca que lle sexan propostas. d) Elixir as/os representantes da CIG-METAL na Unión Comarcal da CIG, e nos órganos nacionais da CIG-METAL.

Art.42.- A Asemblea Comarcal deberá ser convocada como mínimo unha vez cada catro anos, correspondendo ao Consello Comarcal a responsabilidade da convocatoria, así como a elaboración do regulamento pre-asembleario e a preparación do regulamento da Asemblea Comarcal.

Art. 43.- A Asemblea Comarcal poderá ser convocada polo Consello Comarcal, ou por 1/3 da afiliación da CIG-METAL na Comarca.

Art. 44.- A Asemblea Comarcal estará composta por toda a afiliación e poderanse realizar por delegados e delegadas nas comarcas de máis de 500 afiliados e afiliadas, sempre que así o decida o Consello Comarcal, que a deberá convocar con base nos seguintes criterios: a) As e os membros natos: serán as/os membros do Consello Comarcal. b) Por afiliación: un por cada vinte afiliados e ou afiliadas, como máximo, repartidos por Seccións Sindicais e non adscritas.

Art. 45.- A Asemblea Comarcal de elección de cargos despois do Congreso celebrarase co mesmo número de delegados e delegadas que se elixiron para o Congreso, nas Comarcas de máis de 500 afiliados e afiliadas, e abertas no resto.

Art. 46.- O Consello Comarcal é o máximo órgano de Dirección da CIG-METAL no seu ámbito territorial, entre Asembleas, que deberá estar constituído no prazo dun mes, contado dende a celebración da Asemblea, e estará composto por: a) A Executiva Comarcal. b) Os Secretarios ou Secretarias das Seccións Sindicais constituídas e que conten con máis de 26 afiliados e ou afiliadas en comarcas de máis de setecentos cincuenta afiliados e/ou afiliadas, e os Secretarios ou Secretarias das Seccións Sindicais constituídas que conten con máis de 10 afiliados e/ou afiliadas en comarcas de menos de setecentos cincuenta afiliados e ou afiliadas. c) Unha/un representante por cada cen afiliadas e afiliados ou fracción superior a cincuenta e un, en comarcas de máis de setecentos cincuenta afiliadas e afiliados, ou un/unha representante por cada cincuenta afiliados e afiliadas ou fracción superior a vinte e seis, en comarcas de menos de setecentos cincuenta afiliados e afiliadas, por cada Sección Sindical de Empresa. d) Unha/un representante por cada cen afiliadas e afiliados ou fracción superior a cincuenta e un, en comarcas de máis de setecentos cincuenta afiliadas e afiliados, ou un/unha representante por cada cincuenta afiliados e afiliadas, ou fracción superior a vinte e seis, en comarcas de menos de setecentos cincuenta afiliados e afiliadas que non estean adscritos/as a ningunha Sección Sindical. Serán elixidas/os pola asemblea de afiliadas e afiliados convocada para o efecto.

Art. 47.- As competencias do Consello Comarcal son: a) Administrar e dirixir a CIG-METAL a nivel comarcal seguindo as resolucións da Asemblea. b) Impulsar e dirixir a constitución das Seccións Sindicais. c) Orientar a negociación colectiva. d) Pronunciarse sobre cuestións de alcance social, político ou reivindicativo, sen contradicir os acordos da Asemblea nin dos Congresos. e) Convocar Asemblea Comarcal.

Art. 48.- O Consello Comarcal reunirase como mínimo cada tres meses, ou cando así sexa convocada pola Executiva Comarcal ou por 1/3 dos seus membros.

Art. 49.- A Executiva Comarcal da CIG-METAL é o organismo elixido pola Asemblea Comarcal, composto por: 5 membros en Comarcas de ate 750 afiliadas e afiliados e 7 membros en Comarcas de máis de 750 afiliados e afiliadas. Nas comarcas con máis de 2.500 afiliadas e afiliados, pódense ampliar as/os membros ata 9.

Art. 50.- As funcións da Executiva Comarcal son: a) Organizar e coordinar os servizos asistenciais. b) Seguimento e control dos ingresos e gastos. c) Execución dos acordos dos Consellos. d) Convocar as Asembleas de delegados e delegadas a nivel comarcal. e) Coordinación da actividade sindical.

Art. 51.- A Executiva Comarcal reunirase con caracter ordinario unha vez ao mes por convocatoria do Secretario ou Secretaria Comarcal, e extraordinariamente, cando así o decida este/a, ou cando o acorden 1/3 dos seus membros.

Art. 52.- O Secretario ou Secretaria Comarcal e a persoa elixida pola Asemblea Comarcal de entre os membros da Executiva Comarcal que se encargará da representación pública da CIG-METAL na comarca, coordinarán o traballo da Executiva e do Consello comarcal.

Art. 53.- A Executiva Comarcal poderá nomear as secretarías que estime oportunas para o mellor funcionamento dos organismos, que deberán ser ratificadas polo Consello Comarcal de conformidade coas existentes na Executiva Federal.

Art. 54.- A vacante do Secretario ou Secretaria Comarcal será suplida por unha/un membro da Executiva Comarcal nomeado polo Consello Comarcal, para cubrir a vacante ata a próxima Asemblea Comarcal

     Capítulo 3. Das seccións sindicais

Art. 55.- A Sección Sindical é a estrutura organizativa básica da CIG-METAL. Está composta polo conxunto de afiliados e afiliadas na empresa ou centro de traballo.

Art. 56.- A Sección Sindical dotarase dun regulamento interno, onde deberá figurar os órganos de goberno, a composición destes, as súas normas de funcionamento, etc., coa única limitación de non poder contradicir os estatutos e programa da CIG-METAL, polo que terán que ser adverados pola Executiva Federal.

Art. 57.- As seccións sindicais que conten cando menos con 100 afiliados e/ou afiliadas terán, para efectos internos da CIG-METAL e da CIG e para o seu ámbito de actuación, a consideración de órgano de goberno.

Art. 58.- Os delegados e delegadas electas nos Comités de Empresa ou delegados e delegadas de persoal terán que supeditar a súa actividade sindical aos acordos emanados da sección sindical, someténdose ás decisións e pautas acordadas nestas.

Art. 59.- No caso das empresas onde estean constituídas seccións sindicais, e no seu ámbito actúen empresas de servizos ou auxiliares con seccións sindicais da CIG-METAL, haberá unha coordinación do traballo do conxunto das seccións sindicais que actúan no ámbito da empresa, independentemente da pertenza a outras federacións.

Art. 60.- Os órganos de goberno da Sección sindical serán polo menos os seguintes: a) A asemblea de afiliadas e afiliados da sección sindical. b) Executiva da Sección Sindical. Nas seccións sindicais de máis de 100 afiliados e ou afiliadas, poderase constituír o Consello da Sección Sindical, coa composición e facultades que se marquen no regulamento de funcionamento interno, sen contradicir estes estatutos.

Art. 61.- A asemblea de afiliados e afiliadas da sección sindical é o máximo organismo da sección sindical. Será convocada polo secretario ou secretaria da sección sindical coa periodicidade que marque o seu regulamento, ou a requirimento de 1/3 da executiva da sección sindical ou a petición de 1/3 da afiliación.

Art. 62.- A Asemblea de afiliadas e afiliados da Sección Sindical será presidida polo Secretario ou Secretaria da Sección Sindical, e elixirá unha/un responsábel de actas que será a/o encargado de remitir os acordos á Executiva Federal.

Art. 63.- As funcións da Asemblea de afiliados e afiliadas da Sección Sindical son: a) Elixir a Executiva. b) Elixir o Secretario ou Secretaria de entre os membros da executiva. c) Elixir os delegados ou delegadas sindicais e de seguridade, se é o caso. d) Elixir os/as seus representantes nos órganos internos que así o teñan estabelecido, tanto no ámbito da empresa ou centro de traballo como no do seo da federación. e) Elixir as candidatas e candidatos ás eleccións sindicais. f) Aprobar a política sindical no seu ámbito, sen contradicir os acordos da CIG-METAL. g) Todo o relativo á negociación colectiva no seu ámbito, incluíndo o asinamento do convenio.

Art. 64.- A Executiva da Sección Sindical é o máximo organismo na empresa entre asembleas. A súa composición e normas de funcionamento serán as recollidas no regulamento.

Art. 65.- Independentemente da composición da Executiva da Sección Sindical, serán membros desta: a) As/os membros do Comité de Empresa ou Delegados e Delegadas de persoal. b) Os Delegados e Delegadas da Sección Sindical. c) As/os membros do Comité de Seguridade ou Delegados e Delegadas de Seguridade. d) As/os membros das comisión específicas existentes. e) As/os membros das executivas nacionais ou comarcais do metal poderán asistir ás xuntanzas con voz pero sen voto

Art. 66.- A Executiva da Sección Sindical será convocada polo Secretario ou Secretaria desta, ou a requirimento de 2/3 das/os membros do organismo.

Art. 67.- As Funcións da Executiva Sección Sindical son: a) Dar respostas inicial aos problemas urxentes que se presenten na empresa. b) Facer seguimento da afiliación, controlar as altas, baixas, cotas e pasar todo tipo de información aos afiliados e afiliadas do centro de traballo. c) Preparar as publicacións propias da Sección Sindical. d) Presentar á Asemblea as propostas de negociación colectiva. e) Colaborar solidariamente cos problemas da CIG-METAL. f) Trasladar á Asemblea de afiliados e afiliadas as propostas de Delegados ou Delegadas da Sección Sindical. g) Trasladar á Asemblea de afiliados e afiliadas as propostas de candidaturas que presentará a CIG-METAL ás eleccións sindicais. h) Xestionar as reclamacións dos afiliados e afiliadas. i) Decidir sobre cuestións puntuais e sobre aquelas que lle delegue a Asemblea.

Art. 68.- O Secretario ou Secretaria da Sección Sindical é o cargo unipersoal elixido pola Asemblea de entre as/os membros da executiva.

Art. 69.- As funcións do Secretario ou Secretaria da Sección Sindical son: a) Representar publicamente á Sección Sindical. b) Convocar e presidir as reunións da Executiva. c) Presidir a Asemblea. d) Coordinar o traballo e as funcións das/dos membros da Executiva.

Art. 70.- Naquelas empresas con varios centros de traballo ou nos grupos de empresa que teñan varias Seccións Sindicais, as Executivas estarán obrigadas a elixir un Coordinador ou Coordinadora. De non chegar a acordo entre as seccións sindicais, decidirá o nomeamento a executiva federal. As funcións do coordinador ou coordinadora serán as seguintes: a) Convocar as reunións de executivas conxunta. b) Coordinar a acción sindical. c) Coordinar a negociación colectiva común. d) Coordinar e transmitir, os informes e acordos.

     Capítulo 4. Normas xerais de funcionamento

Art. 71.- As reunións de calquera organismo dos regulados neste título dos estatutos consideraranse validamente constituídas cando asistan a metade máis unha/un dos seus membros, en primeira convocatoria, ou 1/3 en segunda convocatoria, media hora máis tarde, sempre que fose convocada no tempo e na forma regulada nas normas de funcionamento que lle sexan de aplicación, cun mínimo de 48 horas.

Art. 72.- Os acordos de calquera órgano da CIG-METAL adoptaranse por maioría simple das/dos membros asistentes, con excepción dos puntos recollidos nestes Estatutos, ou do recollido nos regulamentos específicos de cada organismo.

Art. 73.- De cada reunión dos organismos da CIG-METAL farase acta na que constarán as/os asistentes e os acordos adoptados, con expresión das votacións realizadas e das posicións particulares se isto fose solicitado pola persoa interesada. A Executiva Federal, o Secretariado Federal e o Consello Federal deberán elaborar un informe de cada xuntanza, no que figuren os acordos que adopten, así como as posturas discrepantes e así o solicita a persoa interesada. Este informe será remitido a todos os Consellos Comarcais, ademais de a todas e todos os membros do Consello Federal.

Art. 74.- A pertenza a un órgano de dirección da CIG-METAL, a calquera nivel, leva aparellado o cumprimento da obriga de asistencia. O incumprimento desta obriga por tres veces consecutivas sen xustificar significa a baixa do organismo correspondente, previa comunicación á/ao interesada/o.

     Capítulo 5. Do réxime electoral

Art. 75.- Todos os cargos da CIG-METAL proveranse mediante votación secreta e persoal. A votación a man alzada poderá utilizarse cando así o estime unha maioría de 2/3 das/os membros asistentes. Este acordo será ineficaz cando calquera das/os membros reclame a votación secreta.

Art. 76.- Como norma xeral, a elección dun órgano ou cargo farase mediante presentación de candidaturas en lista pechada, que deberá conter un mínimo de membros igual ao número de postos a cubrir.

Art. 77.- Nas eleccións de órganos ou cargos, as candidaturas deberán estar avaladas por un número de membros do órgano electoral igual ao 150% dos postos a cubrir.

Art. 78.- As candidaturas para calquera elección dentro da CIG-METAL terán que cumprir como mínimo a proporción de xénero feminino igual ao que teña o órgano elector.

Art. 79.- A composición do órgano electo resultará da proclamación da lista única ou, se é o caso, da adscrición dos membros de cada lista presentada en proporción directa aos votos acadados. Para estes efectos, redondearase por defecto as fraccións ata 0,49 e por exceso superiores. En caso de empate será proclamado o candidato ou candidata da lista que máis votos totais obtivese.

Art. 80.- Nas votacións no Congreso para a Executiva Federal e as/os representantes da CIG-METAL no Consello Confederal da CIG, así como nas eleccións que o regulamento propio o considere, será de aplicación o método electoral de lista pechada, que deberá conter un número mínimo de persoas igual aos dos postos a cubrir e de máximo o dobre dos postos a cubrir.

Art. 81.- Cando se prevexa un procedemento electoral especifico que implique a posibilidade de presentación de candidaturas abertas, a lista deberá conter canto menos un número de membros igual ao de postos a cubrir e a votación efectuarase na papeleta por un número máximo de candidatos ou candidatas igual ao 75 por cen dos postos que cubrir, resultando proclamados aqueles ou aquelas que obtivesen o maior número de votos. En caso de empate, será proclamado o candidato ou candidata con maior antigüidade na afiliación.

Art. 82.- Para ter a condición de elector ou electora, ou candidato ou candidata, é imprescindíbel ter as cotas o día.

 

>TÍTULO V, Do Réxime Econónico

Art. 83.- Os recursos económicos da CIG-METAL estarán integrados por: a) As cotas que lle correspondan segundo as Normas de Administración e Contabilidade da CIG. b) Os ingresos por venda de publicacións. c) Os ingresos por prestacións asistenciais. d) As doazóns e legados a favor desta. e) Os créditos que sexan xestionados. f) O patrimonio acumulado. g) As subvencións que lle sexan concedidas. h) As vendas dos seus bens e valores. i) Calquera outros recursos obtidos de conformidade cos preceptos estatutarios.

Art. 84.- A cota será cobrada pola Confederación, achegando esta a porcentaxe que corresponda e da maneira estabelecida, segundo as normas de administración e contabilidade da CIG.

 

>TÍTULO VI, Da Comunicación

Art. 85.- O idioma oficial da CIG-METAL é o galego.

Art. 86.- O carné de afiliado ou afiliada da CIG-METAL é o mesmo que o de calquera membro da CIG, co anagrama da CIG-METAL.

Art. 87.- O anagrama da CIG-METAL é o correspondente ao que se anexa.

Art. 88.- A CIG-METAL asume como propios a Internacional e o Himno Galego.

Art. 89.- O Consello Federal poderá aprobar a edición, características, deseño, nome e periodicidade do voceiro da CIG-METAL.

 

>TÍTULO VII, Das Modificacións Orgánicas e Dos Estatutos

Art. 90.- A CIG-METAL disolverase cando en Congreso extraordinario convocado con tal fin así o decidan mediante votación secreta as 3/4 partes das/dos membros do Congreso. No acordo de disolución nomearase unha Comisión liquidadora composta por 7 membros, que estabelecerá o destino dos bens, dereitos, instalacións e servizos da CIG-METAL.

Art. 91.- A CIG-METAL poderá desconfederarse da CIG, sempre que en congreso extraordinario así o decidan os 2/3 das/os congresistas en votación secreta.

Art. 92.- A aprobación ou modificación dos Estatutos da CIG-METAL, é competencia exclusiva do Congreso, sendo necesaria unha maioría de 2/3 dos votos emitidos na votación global.

 

B. DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS E ADICIONAIS

TRANSITORIA ÚNICA. En todo o non expresamente recollido nestes Estatutos, estarase ao disposto nos Estatutos aprobados polo IV CONGRESO DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA.