Concentración da Coordenadora do Automóbil da CIG fronte ao Clúster da Automoción na defensa do emprego no sector

Versión para a impresiónEnviar a un amigo

Ás dez e media da mañá comezaba na Avenida Alcalde Portanet unha concentración convocada pola coordenadora do automóbil da CIG, na que delegados e delegadas das principais empresas do sector, tanto de PSA como das auxiliares, mobilizábanse para denunciar a destrución de emprego que se está a dar neste sector, e a falta de implicación tanto das Administracións como do Clúster da Automoción para buscar saída a esta situación, "máis alá de plans e axudas propagandísticos que non chegan a beneficiar ao persoal, que continuamos con ERE's e despidos".

Durante perto dunha hora e media cincuenta delegados e delegadas da CIG de empresas do automóbil concentráronse diante do edificio do Ceaga, Clúster da automoción, na defensa do emprego no sector.

As reivindicacións

Antón Bendaña, portavoz da Coordenadora do Automóbil da CIG, informou de que "a nosa reivindicación no día de hoxe é que no último ano se perderon máis de 4.500 postos de traballo no automóbil, e nos cremos que tanto o Clúster, como a Administración non se están movendo para nada, e o que estamos demando que o Clúster nos reciba para que nos dea unha explicación do que está a acontecer, se se van recuperar eses postos de traballo, que está a pasar coas axudas do sector, que están dando axudas multimillonarias e non sabemos para que se están utlizando, e o único que estamos mirando é que parte da produción de certas empresas se están a marchar a outras empresas, sobre todo cara Portugal".

Alerta ante os recortes

O portavoz da Coordenadora do Automóbil da CIG salientou que destes postos de traballo perdidos "é xente que está saíndo das empresas porque remataban os seus contratos, mais nos tememos é que agora isto está todo moi atomizado nas distintas empresas do automóbil, e o próximo recorte que se pode dar nas empresas auxiliares posibelmente sexa de persoal indefinido. Unha das cadeas de produción de Citroen a partir do próximo mes baixa a súa produción no próximo mes de abril nun 40%, polo que a situación se pode agravar fortemente no sector a partir desa data, segundo alertan os convocantes desta mobilización.

Groups: