O 1 de marzo a asemblea de parados do naval comezaba a súa acampada no parque de Montero Ríos, diante da delegación da Xunta en Vigo. Con esta mobilización queren visibilizar o seu conflito e como a falta de regulación na contratación no sector naval, a precarización e o aumento do desemprego, están a deixar a centos de traballadores deste sector fóra do mercado laboral, chegando a non percibir nestes momentos tampouco o desemprego nin ningunha axuda. Estas situacións reais son as que conflúen neste acampamento, no que con grande valentía, esta asemblea de parados puxo os seus esforzos e demandan das institucións solucións para un colectivo de desempregados que cada mes atinxe a un maior número de persoas.
Desde o 1 de marzo foron milleiros as sinaturas de apoio que levan recollido, moitos os alimentos e aportacións que lles fixeron chegar desde empresas e colectivos ao seu bote solidario, e numerosisimas as mostras de solidariedade e apoio que teñen chegado até o acampamento dos parados do naval.
Información á cidadanía
45.000 follas informativas repartíronse entre a cidadanía de Vigo, e agora unha furgoneta con megafonía está a chegar tamén a súa mensaxe nas saídas das xornadas dos estaleiros desta ría. Así, continúan a dar a coñecer o conflito que centos de traballadores do sector naval están a vivir pola falta de regulación da contratación no sector, pola subcontratación irregular que se dá no mesmo e pola incertidume e xogadas patronais coa cuestión da carga de traballo para os próximos anos.
Os acampados da asemblea de parados do naval son as caras e as historias reais do problema do desemprego e da represión que se está a vivir no sector naval, xa que aqueles máis combativos e que carecían de contrato indefinido están a quedar fóra dos estaleiros.
40 días de acampada
O venres 9 de abril cúmprense corenta dias desde que a primeira piqueta fixera o seu oco en Montero Ríos para dicir ben claro que "nós levantamos o naval e morreremos con el", e para amosar que hai quen non se rende nin en tempos de crise e está disposto a poñer en xogo o seu dia a día, convivir con compañeiros moi distintos, construír unha cociña, bancos e unha pequena comunidade de onde non había máis que herba e invisibilidade, e para loitar en definitiva polo dereito ao traballo.