A CIG de Ferrol animou a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada pola Plataforma Rumbo21 o vindeiro sábado, 27 de marzo, para esixir o levantamento do veto político á construción naval civil na antiga Astano. Os voceiros da Unión Comarcal de Ferrol, Manuel Grandal e Xesús López Pintos, manifestaron que “agora é o momento” de mobilizarse e reclamaron ao presidente do goberno estatal que cumpra o seu compromiso de xestionar ante Bruxelas o final dunha prohibición que ten “estrangulado” o desenvolvemento económico da comarca.
Nove mil é o número de cartas que a CIG de Ferrol enviou aos afiliados e afiliadas da comarca para animalos a participar na manifestación convocada o vindeiro sábado, 27 de marzo, para esixir o levantamento do veto político á construción naval civil imposta á antiga Astano, unha prohibición que veu profundar na degradación da situación económica na comarca.
A marcha, convocada pola Plataforma Rumbo21, quen tamén promoveu no seu día unha ILP contra o veto, sairá ás 12:00 horas do sábado dende o Peirao de Curuxeiras e conta co apoio da CIG, así como de numerosas organizacións sociais, empresariais e políticas. “Diante dunha situación de crise económica que na comarca de Ferrol ten deixado máis de 17.000 desempregados e desempregadas, non podemos defender senón o levantamento deste veto”, apuntaba Pintos, quen compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto con Manuel Grandal, para chamar á participación nesta mobilización.
Compromiso de Zapatero
Os dous voceiros da CIG de Ferrol aseguraron que “agora é o momento de que a comarca se mobilice”, en referencia ao compromiso adquirido polo presidente do goberno estatal, José Luis Rodríguez Zapatero, de iniciar as xestións pertinentes en Bruxelas para o levantamento do veto, coincidindo coa presidencia do estado español na Unión europea.“Pero van xa tres meses de mandato e aínda non vimos ningún movemento”, denunciaba Pintos.
Neste senso, Grandal adiantou que é o momento de levantar o veto, porque na actual situación problemática da industria naval, “as instalacións de Astano non poden seguir perdendo mercado”.
Por un naval público
A respecto das críticas de certos sectores, nomeadamente CCOO e UGT, aducindo que a convocatoria faise a favor da privatización do estaleiro, os voceiros da central en Ferrol apuntaron que a CIG veu defendendo de sempre a necesidade dunha xestión pública do sector naval. Por iso, a Executiva comarcal da CIG participará na marcha cunha faixa propia baixo a consigna: “Levantamento do veto Xa. Por un naval integral, público e galego”.
Os responsábeis comarcais subliñaron que a convocatoria de manifestación non se refire á privatización do sector, senón que ten como obxectivo reclamar o levantamento do veto político e permitir o desenvolvemento da industria naval en Ferrolterra; o resto “son escusas de mal pagador”.
A dobre vara de medir fronte a industria do sur
Durante a comparecencia, Grandal e Pintos denunciaron a “dobre vara de medir” utilizada por gobernos, sindicatos estatais e patronal á hora de prexudicar aos estaleiros de Galiza fronte aos da zona sur. “Condenouse á comarca á situación actual para beneficiar ao sector andaluz e agora temos un estaleiro infrautulizado”, criticou Pintos.
Hai que lembrar que o veto á construción naval civil a Astano iniciouse hai 25 anos e tanto os gobernos do PP como os do PSOE viñeron prorrogando ese veto político até o ano 2015, mentres defendían a necesidade de reforzar a construción civil noutros estaleiros da Península, dada a falta de traballo. “Abocáronnos a este veto e tan só nos queda o naval militar, que ademais ten un tope do 20%, e no que a partir do próximo ano estamos sen carga de traballo”, advertía Grandal.
Por iso, dende a CIG de Ferrol faise un chamamento a toda a afiliación e a cidadanía á participar na mobilización deste sábado, porque “traballo no estaleiro de Fene significa traballo para o resto das empresas da comarca”
A Unión Local de As Pontes porá autobuses
Dende a Unión Local de As Pontes, zona onde a crise está afectando moi gravemente, tamén se sumamos á necesidade de recuperar o estaleiro de Fene con plena carga de traballo. “Somos conscientes de que esta situación nunca sería igual en calquera outra Comunidade Autónoma con peso político, mais en Galiza, aínda hai forzas sindicais e políticas que xustifican, aplauden e colaboran con esta penalización que só supón perda de emprego e dano á economía da Comarca, e para distraer á opinión pública crean Plans que prometeron a creación de 4.000 postos de traballo e, curiosamente, dende o seu funcionamento perdéronse precisamente 4.000 empregos”, critican nun comunicado.
Así, para facilitar a asistencia á manifestación do 27 de marzo, sairán autobuses dende o local da CIG de As Pontes, o sábado ás 10:30 horas. Os/as que queiran utilizar este medio poden anotarse chamando ao teléfono 981451510.