Delegados/as das industrias auxiliares de Navantia critican que o convenio non achegue estabilidade á súa situación laboral

Versión para a impresiónEnviar a un amigo

A coordinadora de delegados da CIG-Metal da industria auxiliar de Navantia compareceu en rolda de prensa par rexeitar o convenio asinado polo Comité de empresa da construtora naval, xa que, segundo indicaron, non recolle ningunha das reivindicacións referidas ás auxiliares nin promove a estabilidade laboral. Dende a coordenadora exixen a creación dunha bolsa de traballo, anunciaron que van levar a cabo mobilizacións e unha campaña de información e sinalaron que promoverán as súas reclamacións na negociación do convenio provincial.

Ramón Alfonzo, secretario de organización da CIG-Metal de Ferrol, Emilio Maceiras, presidente do Comité de Depisa, e Juan  Meiraz, membro da coordenadora naval da Federación, compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer a opinión dos delegados/as das industrias auxiliares de Navantia a respecto do último convenio asinado. Dende a Federación criticaron que o documento non reflicte ningunha das propostas referidas ás industrias auxiliares recollidas na plataforma que se levaba para a negociación do convenio.Alfonzo sinalou que durante as últimas reunións da mesa de negociación, o Comité da empresa principal buscou o apoio das auxiliares para presionar a Navantia de cara a conseguir un preacordo. Nese intre, explica, o presidente do Comité de Navantia Ferrol e do Comité Intercentros, prometeu reincorporar á mesa de negociación unha reivindicación da CIG, a bolsa de contratación, cando esta xa caera da negociación con anterioridade.“O motivo desta proposta, que sorprendeu a todo o mundo, era conseguir o apoio dos delegados/as das empresas auxiliares, nas que a CIG ten unha importante presenza, para que acudiran as mobilizacións organizadas para presionar á empresa principal”, sinala Alfonzo, quen aclara que aínda que existe un escepticismo moi forte sobre a actuación do comité de Navantia entre as auxiliares, finalmente optouse por apoiar as mobilizacións. Non obstante, lamentou, no texto do convenio non se recolleu ningunha referencia á industria auxiliar.

Estabilidade no emprego

“Logo da sinatura do convenio colectivo, o 15 de abril tivo lugar unha asemblea de delegados/as da CIG na que se acordou promover mobilizacións e iniciar unha campaña informativa sobe a importancia que ten recoller a cuestión da estabilidade no emprego. O que pretendemos é que haxa un sistema que dea estabilidade e expectativas aos traballadores/as das auxiliares, que os recoñeza con pleno dereito como traballadores do sector do naval”, apunta Afonzo.

Neste senso o secretario de organización da CIG-Metal de Ferrol lembrou que debido ao nivel de contratación actual a crise aínda non se deixou sentir no sector, pero tamén destacou que non hai novas contratacións anunciadas e que o máis probábel é que se produza unha caída de emprego importante unha vez se rematen os pedidos en marcha.

Alfonzo tamén sinalou que logo do fracaso nas negociacións do novo convenio de Navantia, o foro de debate onde van presentar as súas reivindicacións as empresas auxiliares vaise trasladar á negociación do convenio provincial.