Despois de sete despedimentos, e ante posíbel chegada de máis despedimentos e pola falta de certezas de continuidade desta empresa de mecanizados do Metal en Mos, que pasou de ser unha firma familiar a unha multinacional co centro de decisión en Francia, e que pasou de querer negociar un convenio propio a este proceso de despedimentos sen ningún tipo de mediación nin aviso, o persoal de Rodicut volverá mobilizarse de xeito contundente en dúas novas xornadas de folga esta semana contra este tipo de decisións e polo mantemento dos postos de traballo.
Xa que desde a dirección de Rodicut non houbo ningún tipo de achegamento nin interlocución cos traballadores, desde o Comité de Empresa decidiron convocar estas dúas novas xornadas de folga máis.
Paros de catro horas en cada quenda
Asi, pasan a ser paros de catro horas en cada quenda e están convocados para o martes 15 de decembro e o xoves 17 de decembro, en horario de 10 a 14, de 14 a 18, e de 22 a 2 da mañá na quenda de noite.
Desde o Comité de empresa xa adiantaron que "continuaremos mobilizándonos até que consigamos solucións".