Porén, para sorpresa desta central, a Dirección Xeral de Industria, en perfecta sintonía con CCOO, UGT e os representantes dos Concellos de Cerceda e As Pontes, (que desta forma rematan con éxito o seu traballo á contra realizado durante a vixencia do proxecto, evidenciado nos seus comportamentos tanto na propia Mesa como dende as súas responsabilidades de Goberno), acordou anular o Plano Galego de Reactivación para ambas comarcas (que se debería prolongar até o 2012), alegando unha baixa efectividade do mesmo.
A CIG opúxose frontalmente a esta decisión, xa que a suspensión deste proxecto vai deixar sen solucionar a situación laboral na que se atopan os operarios afectados e significa abandonar un plano imprescindíbel para dotar de futuro ás Comarcas de Cerceda e As Pontes, pois continúan sen se resolver as graves consecuencias derivadas do peche das minas: destrución de postos de traballo, falta de diversificación do tecido industrial, deterioro medioambiental, etc.
Incumprimento dos obxectivos
Durante a xuntanza, o representante da CIG na Mesa alertou tamén da falta de cumprimento dos obxectivos do Plano durante este tempo e pediu responsabilidades á administración por non ter esixido ás empresas beneficiadas con cuantiosas axudas públicas que procedesen á contratación dos traballadores/as das auxiliares da minaría.
Hai que lembrar que o Plano Galego de Reactivación das Comarcas Mineiras de As Pontes e Cerceda, aprobado en 2007, buscaba a implantación de empresas e novos proxectos empresariais nas comarcas ao abeiro do Plan Miner II, mediante o que se teñen concedido importantes axudas económicas sobre o compromiso de contratar os traballadores/as das auxiliares do carbón.
Abandono das competencias
Esta decisión supón así mesmo a exclusión da CIG na Mesa Galega do Carbón ao pasar as competencias da mesma a mans dos órganos de xestión autonómicos deste Plano Estatal, chamado Plano Miner II, que en exclusiva conforman os asinantes en Madrid (UGT, CCOO, Concello de Cerceda, Concello de As Pontes e a Dirección Xeral de Industria, como órgano do Goberno autonómico competente na materia).
Así, o futuro laboral deste colectivo de traballadores vai depender dos mesmos culpábeis da sinatura do Plano Miner II, que contempla graves discriminacións para os traballadores galegos da industria auxiliar fronte ao resto dos operarios do Estado español, ao non recoñecer as mesmas alternativas de prexubilación e recolocación para os galegos.
A Mesa do Carbón foi constituída ao amparo de dúas resolucións unánimes do Parlamento galego nos anos 2004 e 2005. Decisión que agora o PP ignora, constatando o desinterese da Xunta por afrontar a problemática derivada da fin da actividade mineira nestas comarcas e responder aos compromisos adquiridos cos traballadores da industria auxiliar.