A concesionaria de Ford, Delio, situada na estrada de Baiona, deixou de ter actividade en marzo do ano pasado, xa que entrou en concurso de acredores. Desde ese momento os traballadores ocuparon as instalacións, e se lles aplicou ao persoal un ERE de marzo a decembro de suspensión. Aínda asi eles continuaron acudindo todos os dias laborábeis á sede da empresa.
Saída coa chegada de Tomóvil
Finalmente conseguiuse unha saída negociada cos interventores xudiciais para darlle unha saída e entra unha nova empresa para retomar o traballo, Tomóvil, a concesionaria Ford de Ourense.
No acordo que se pacta co Xulgado do Mercantil esta empresa, Tomóvil, faise cargo dos traballadores a través da subrogación, e deste xeito dálle continuidade á empresa.
O xuíz do mercantil emite un auto no que entende que a nova empresa queda liberada dos cargos pendentes de Delio de Seguridade Social, Facenda e Fogasa.
Ian comezar traballar o luns desta semana
Os trinta traballadores de Ford Delio ian comezar traballar este luns 11 de xaneiro a traballar xa como empregados de Tomóvil pero a Seguridade Social inicia un recurso contra o auto emitido polo xuíz e para que esta nova empresa se faga cargo das débedas pendentes da Seguridade Social de Ford Delio.
Deste xeito, a Seguridade Social frustra toda a operación e a consecuencia inmediata sería que mandaria a trinta traballadores ao desemprego e tampouco cobrarían porque non hai liquidez para facer fronte aos pagamentos que se xeraria co persoal.
Recurso ilóxico
Os dous delegados da CIG en Ford Delio, Dolores Iglesias e Manuel Fernández, xunto ao secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer esta situación e para reclamar que se retire este este anuncio de recurso "porque atenta contra toda lóxica, mesmo a de non desbaldir os propios recursos do Estado".
A CIG reclama que a Tesouraria da Seguridade Social retire o recurso ao auto do xuíz porque os traballadores iran ao paro e terá custe para o INEM e o Fogasa, e polo tanto tamén pagarán os contribuintes esta nova situación.
Actuación burocrática da Tesouraria
A central sindical nacionalista acusa á Tesouraria de actuar de xeito burocrático sen ter en conta os prexuízos que orixina ás familias e á propia cidade de Vigo cando por decisión deles non se crea unha nova empresa no actual contexto de crise.
Alcántara subliñou que "non é nin lóxico nin razoábel, e temos moi poucos dias para que esta situación sexa irreversíbel, porque o propio Xulgado do Mercantil faría a liquidación total da empresa de seguir adiante o recurso".
Deron a coñecer nesta comparecencia as reunións e xestións realizadas coa Tesouraria, tanto a nivel provincial como coa Seguridade Social a nivel estatal para paralizar esta recurso, xa que Tomóvil se retiraria deste proxecto empresarial, e só en resolverse o recurso tardaría máis de cinco anos.
Anuncian mobilizacións
"Estamos na pior das situacións posíbeis, e aqui hai uns responsábeis políticos e da Administración que non poden permanecer impasíbeis. Por iso imos tomar medidas nos próximos dias, de non modificarse a actual situación, mobilizándonos contra aqueles que teñen responsabilidade neste asunto", engadia Alcántara.
Manuel Fernández, delegado da CIG neste concesionario, explicou que "a situación xa non ten límite, porque se fixo un gran esforzo para que a empresa viñera para aqui e xusto cando iamos volver traballar aparece este anuncio e Tomovil comunica que non se pode facer coas débedas de Delio, xa que estamos a falar de máis de 300.000 euros. Tiñamos moitas esperanzas postas despois de case un ano parados, ocupando a empresa máis con moita incerteza, e agora os compañeiros estamos afundidos"
Traballadores/as con antigüidade
Dolores Iglesias, delegada da CIG do comercio Metal tamén en Ford Delio, sinalou que as trinta persoas que quedan do persoal de Ford Delio (hai un ano eran 45, pero a xente máis nova marchou) levan desde os anos 80, desde a creación, traballando nesta empresa e todos están na franxa de idade de 40 a máis de 50 anos, polo que a súa situación aínda é máis vulnerábel.