A asemblea de parados do naval reparte máis de 6.000 follas informativas á cidadania e no estaleiro de Barreras

Versión para a impresiónEnviar a un amigo
21/01/2010
Despois do Nadal, retoman a súa actividade os parados do Naval organizados en asemblea pola defensa do emprego no sector e na demanda de regulación da contratación no naval. Sairon ás rúas para repartir dúas follas informativas, na que daban a coñecer a súa situación e o camiño que van tomar en próximas accións.

A primeira das follas informativas repartiuse o mércores 20 de xaneiro diante de El Corte Inglés para informar á cidadania da situación desesperada que están a vivir estes traballadores do naval de Vigo, que "levamos toda a nosa vida no sector, e desde hai uns anos nos están excluindo do sector, porque están a traer contratación máis barata e explotada de fora".

Reparto en Barreras

O xoves 21 de xaneiro desde as seis e cuarto da mañá compañeiros da asemblea de parados tamén repartiron outra folla informativa, mais está dirixida aos traballadores dos estaleiros.

Polo seu interese reproducimos estas dúas follas informativas a continuación.

A toda a cidadania

Somos traballadores e traballadoras que levamos toda a nosa vida no sector naval, e desde hai uns anos nos están excluindo do sector, porque están traendo contratación máis barata e explotada de fora.

O Convenio obriga a pagar os salarios de aqui a todos os traballadores que veñan a traballar a Pontevedra, e que a contratación ten que regularse a través da Bolsa de Emprego do sector, pola que non están pasando estes traballadores.

O que queren facer as empresas é eliminar esta Bolsa que os obriga a contratar ao que máis antigüidade leve no paro, para poder traer man de obra máis barata, quedando os traballadores de aqui sen traballo, polo que exiximos aos sindicatos que nos apoien na reclamación xusta de traballo e cumprimento do convenio.

Hai máis de 20 empresas que xa están utilizando man de obra barata, que xa as denunciamos na Inspección de Traballo, e nas que de momento a inspección non tomou medidas; como o barco que viu de Barreras para o recheo de Bouzas, que traia traballo para máis de 500 traballadores de aqui, e que se vos achegades por ali veredes que son todos traballadores de fora.

Estas son algunhas das empresas que incumpren: 

- Emenasa, que é do presidente da Cámara do Comercio, José Garcia Costas.

- Piperwork, de Rosalino, directivo de Asime.

- Contsa, Urbano Alonso.

- Gestido, ex alcalde de Moaña.

- Tuicalde, de Benito Moreira.

Para os traballadores do sector naval

Os que repartimos esta folla somos a asemblea de parados do sector. Xa nos coñecedes. Os que estamos aqui somos traballadores que levamos anos no sector, e grazas tanto ao noso traballo como ao voso este sector existe, e os empresarios e os estaleiros nestes anos fixéronse rico, mentres nos fomos sobrevivindo e rompéndonos o corpo.

A dia de hoxe xa somos máis de 800 traballadores na lista A da Bolsa. Isto quere dicir que somos 800 traballadores que traballamos máis dun ano no sector , por iso estamos na lista A. Pero o inxusto é vergonzoso é que estamos no paro non porque non hai traballo no sector, senón porque o  noso traballo o están ocupando con traballadores que lles saen máis baratos, non importa que sexan estranxeiros (esa non é a cuestión), pero están aqui porque a eles os patróns os poden explotar, pagándolles menos, facéndolles traballar máis horas e porque non protestan, nin se organizan para loitar.

Nos sabemos que esta situación non vai cambiar polas boas, porque os empresarios xa tomaron a decisión de precarizar o sector, por iso queren liquidar a Bolsa, para poder contratar como queren, sen condicións nin obrigas.

Temos que darnos conta desta salvaxada, porque o convenio o asinaron hai catro meses logo de que CCOO e UGT nos venderan cando estabamos pelexando pola contratación, e esta era o punto máis importante. Pero o convenio asinado obriga a que se teña que contratar á xente que estamos na Bolsa. O Convenio é Lei e tamén di que non se pode pagar menos. Como os empresarios poden expor sacar a Bolsa cando está no convenio e hai catro meses que o asinaron? Non respectan nada por culpa dos vendidos.

Esta é a loita máis importante que temos como sector, porque nos vai a vida e o noso dereito ao traballo, tanto a vós como a nós. Vai seguir habendo traballo no sector, non teñamos medo. Para eles sempre hai cartos, pero tampouco podemos consentir que se queiran aproveitar desto para flexibilizar a xornada, cambiar horas extra por dias de descanso, que logo non llos van dar aos eventuais. Temos que parar a estes explotadores porque nos deben todo o que son.

Nos imos seguir mobilizándonos. Por desgraza cada dia somos máis, pero tamén imos ser o pesadelo deles. Imos loitar polo noso dereito e só vos pedimos que nos comprendades e sexades solidarios con nós. Esta loita é de todos: dos parados e dos que agora tedes traballo. Defendámolo.