A Federación do Metal da CIG celebra o seu V Congreso o sábado 12 de xuño en Santiago de Compostela

Versión para a impresiónEnviar a un amigo
09/06/2010
Miguel Malvido e Xoán Xosé Bouzas Aboi encabezan as dúas candidaturas que concorren á Secretaria Nacional. A cita será no hotel Porta do Camiño a partir das 10.00 horas.

Dúas candidaturas optan á Secretaría Nacional da CIG-Metal no V Congreso da Federación que se celebra o sábado 12 de xuño no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela. Trátase das listas encabezadas polo actual secretario nacional, Miguel Anxo Malvido, e o secretario de Acción Sindical da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi. 

 Da cita de mañá tamén sairá a nova Executiva Federal, ademais de escollerse os membros que formarán parte do Consello Confederal. Son tres as listas que concorren a estes órganos de dirección: para a Executiva Federal, ademais das citadas anteriormente, súmase a que lidera Francisco Rodríguez Martínez; e para o Consello Confederal, ademais das de Malvido e Bouzas, concorre a encabezada por Pedro Gómez Collán.

O congreso, que se desenvolverá durante toda a xornada, dará comezo ás 10.00 horas coa recepción dos participantes e a intervención do secretario comarcal da CIG en Compostela, Anxo Noceda. A continuación presentarase o informe da Executiva saínte e escollerase a mesa do congreso. Despois comezará o debate das emendas aos estatutos e da ponencia base e as súas emendas.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar a presentación das candidaturas e as votacións. As resolucións especiais debatiranse sobre as 17.30, ao remate do cal clausurarase o congreso. Os encargados de facelo serán o secretario nacional que resulte electo e o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que porá o punto final á xornada.