O V Congreso de CIG-Metal, no que participaban 250 delegados/as, comezaba a primeira hora da mañá deste sábado, día 12 de xuño, baixo o lema “Na loita. Por un futuro industrial”. Lema no que se sintetiza, tal e como se recolle no Informe de Xestión, a idea de que é necesaria unha política de industrialización sostida no tempo, que modernice, diversifique e faga máis competitivo o noso tecido industrial, que sexa soporte da economía do país, “para manter os niveis máis altos de produción e de traballo da nosa industria para poder garantir o emprego. Sen industria non hai futuro”.
O Informe de Xestión, que foi presentado polo até ese momento secretario nacional, Miguel Malvido, en representación da Executiva saínte, foi aprobado con 185 votos a favor, 15 en contra e 13 abstencións. A continuación debatéronse e aprobáronse o relatorio de Modificacións Estatutarias, con 193 votos a favor, 2 en contra e 10 abstencións e o Relatorio de Base, no que se definen as liñas de acción sindical que marcarán o traballo da federación nos próximos catro anos, que tamén foi aprobado con 136 votos a favor, 46 en contra e 5 abstencións.
A primeira hora da tarde tivo lugar a presentación das candidaturas á secretaría nacional, executiva federal e a elección dos representantes no Consello Confederal.
A nova Executiva Federal está composta por
Xoán Xosé Bouzas Aboi
Ramón Alfonzo Fernández
Henrique Pérez González
Emilio Cagiao Deibe
César Rodríguez Martínez
Susana Riveira Fernández
Miguel Malvido Cabirto
Henrique Fernández Oliveira
Francisco Rodríguez Martínez
Os representantes para o Consello Confederal son
Xoán Xosé Bouzas Aboi
Ramón Afonzo Fernández
Manuel Simón Graña
Susana Riveira Fernández
Manuel Domínguez Pereira
Emilio Cagiao Deibe
Xosé Maio Abeixón
Miguel Malvido Cabirto
Henrique Fernández Oliveira
Antón Bendaña Fernández
Pedro Gómez Collado
Primeira forza en representación sindical
A CIG-Metal experimentou nos últimos catro anos un incremento da súa afiliación nun 48,83%. Un medre que tamén se constatou no proceso de eleccións sindicais, nos que a central incrementou a súa representación nun 36,1% situándose a 2010 como primeira forza con 1.263 delegados/as, fronte aos 1.193 de CCOO e os 929 da UGT.
O Informe da Executiva saínte atribúe este crecemento á acción sindical desenvolvida durante este período malia o retorno ao poder do PP, que supuxo volver de novo “ao acoso, á permisividade e a unha política social e laboral claramente antiobreira e favorecendo os intereses patronais e empresariais”.
Unha Acción Sindical que estivo marcada por unha enorme conflitividade, tanto polo que respecta á negociación colectiva, que no ano 2009 presentouse enormemente comprometida por mor da utilización da desculpa da crise, en todos os sectores “de xeito obsesivo e continuo por parte dos empresarios, para conseguiren a máxima desregularización no mercado de traballo, mesmo naquelas empresas que non tiñan nin problemas financeiros, nin de produción”.
O V Congreso avaliou a incidencia da crise sobre determinadas actividades produtivas, porque está a ocasionar a “desaparición de postos de traballo, continuos EREs de extinción, concursos de acredores, despedimentos por causas obxectivas, deslocalizacións e outros mecanismos dos que se dotou a patronal para amedrentar a clase traballadora”. Unha situación que levou á CIG-Metal a enfrontar unha negociación “dura, difícil e tremendamente chantaxista” que foi ilustrada co exemplo do convenio provincial de Pontevedra, incumprido de forma reiterada pola patronal e que derivou nunha folga de 18 días en 2007 e unha represión que se concretou en detencións, macroxuízos de varios días de duración, petición de penas de cadea e multas abusivas e indiscriminadas.
Crise, alternativas e conflitividade
No debate do relatorio base o V Congreso analizou a actual situación de crise e as alternativas á mesma e comprometeuse a defender “un modelo que permita unha redistribución máis xusta da riqueza, o avance no autogoberno e a eliminación das diferenzas sociais”, acorde co que defende a Confederación.
Respecto da acción sindical reiterouse o compromiso pola loita “sen tregua” nos conflitos onde teña representación; pola denuncia das agresións independentemente de cal sexa o seu ámbito; pola organización dos colectivos máis afectados da CIG-Metal; a información e concienciación dos traballadores/as.
Alertouse ademais da grande probabilidade que existe de ter que enfrontar, nos vindeiros anos, “unha situación de grande conflitividade”, para o que acordaron seguir potenciando as asembleas e todos os mecanismos que impliquen participación, debate e toma de decisións por parte dos traballadores/as afectados. “A información e denuncia, sobre todo a participación dos que formamos parte da federación, é a maior garante, para que a Acción Sindical chegue o maior número de traballadores/as galegos/as”.
Outro dos aspectos salientados foi o do inminente comezo do proceso concentrado de eleccións sindicais, onde o modelo que representa a CIG –reivindicativo e de participación activa dos traballadores/as- terá que enfrontarse ao modelo que representa “o españolismo, apoiado claramente pola patronal e cunha entrega cada vez maior, se cabe, á concertación e apartándose dos centros de traballo”. Xunto a iso, apostouse por un Marco Galego de Relacións Laborais; por lograr a transformación dos convenios provinciais nun convenio galego; por intensificar a participación nos centros de traballo, para os convenios de empresa e pola defensa do sector da industria en Galiza, que, segundo afirmaron “non ten interese para a clase política estatal”.
Negociación colectiva
En materia de negociación colectiva, canto a salarios marcouse o obxectivo de asegurar revisións salariais en todos os convenios e prestar atención ás cláusulas de descolgue. Canto a xornada de traballo manteñen o obxectivo de regular e reducir a xornada de traballo.
No que respecta a emprego e precariedade denunciouse a desregulación, cada vez maior, das relacións laborais e fixouse o obxectivo de reducir a precariedade e fixar niveis de emprego estable e sobre as mutuas reiterouse o obxectivo de non acordar o seu control sobre a enfermidade común e tratar de reverter estes acordos onde se teñan producido e toda unha serie de medidas sociais e en materia de saúde laboral.
Suso Seixo chama a mobilizarse contra a reforma laboral o 17 de xuño
No acto de clausura, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, chamou a reaccionar diante das regresivas políticas que se están a impor; manifestou o máis absoluto rexeitamento, por parte da CIG, á proposta de reforma laboral presentada polo PSOE; criticou o papel desmobilizador de CCOO e UGT e denunciou a connivencia co poder das centrais sindicais europeas, salientando porén, a capacidade mobilizadora das centrais sindicais gregas e portuguesas.
Comezou desgranando o proxecto de reforma laboral que pretende impor o executivo, vía decreto, incidindo especialmente na ampliación do contrato de fomento da contratación indefinida, que reduce a 33 días e 24 mensualidades a indemnización, pagando ademais 8 deses días a través do FOGASA, co que para a patronal queda en só 25 días; na ampliación do contrato en formación até os 25 anos, porque supón “proporcionar man de obra barata para as empresas” e no mantemento das bonificacións á contratación indefinida, algo que a CIG vén denunciando desde que se crearon, e que o propio goberno recoñeceu que eran un fracaso.
Alén diso, salientou o referido á causalidade no caso de despedimentos colectivos e por causas obxectivas do que dixo que “facilita ás empresas que recorran a esa fórmula para efectivizar despedimentos de forma máis doada e limita a capacidade de actuación das administracións e dos xulgados”.
Para o secretario xeral da CIG a única forma de frear a imposición destas medidas é coa mobilización, polo que fixo un novo chamamento a participar nas manifestacións que a CIG ten convocadas para o día 17 de xuño en todas as cidades galegas e criticou o papel “desmobilizador” que están a xogar CCOO e UGT, aos que acusou de “confundir, manipular á clase traballadora e ao conxunto da opinión pública atrasando a adopción de calquera medida até o verán” para que xa non se poida convocar unha folga xeral.
Xunto a iso, e ante os ataques que está a recibir a chamada Europa Social, cuestionou tamén o papel dos sindicatos europeos por entender que a estas alturas xa deberían ter convocado unha folga conxunta en toda Europa, sinalando os únicos países nos que se produciran mobilizacións, Grecia e Portugal.