Nin a neve nin o frío impediron que a CIG-Metal sacase músculo este xoves polas rúas da Coruña para amosar a súa oposición ás intencións da patronal do sector de centralizar a negociación dos convenios provinciais en Madrid e crear un marco regulador global que suporía un retroceso nas condicións laborais e salariais dos traballadores/as galegos/as do metal. Dende a Federación denunciouse a paralización, dende hai meses, das mesas do convenio provincial de Lugo e A Coruña, co prexuízo que supón para os traballadores/as, e nas que patronal se ten amosado inamovíbel nos seus posicionamentos. Curiosamente, coincidindo co anuncio da mobilización, a patronal de A Coruña convocou unha xuntanza da comisión negociadora para esta mesma xornada.
“Aquí, diante da patronal, a CIG manifesta que queremos convenios con dereitos, con salarios dignos e con postos de traballo na nosa terra”. Así se expresaba o Secretario Nacional da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi, ao remate da manifestación de delegados e delegadas da Federación, que esta mañá se trasladaron dende todo o País para participar nunha xornada de mobilización nacional en demanda da negociación dos convenios na Galiza, en contra da paralización das mesas da provincia de Lugo e A Coruña e para rexeitar as reformas lesivas para a clase traballadora adoptadas polos gobernos.
Os/as delegados/as do sector, que contaron co apoio e solidariedade de numerosos delegados/as doutras federacións da central, marcharon dende o Centro Cívico de Os Mallos, onde realizaran previamente unha asemblea para avaliar a situación da negociación no metal na que tamén participou o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, até as portas da Confederación de empresarios, para desenvolver unha concentración na que non faltou nin a saraiba.
Bouzas Aboi, “Tupi”, explicou as dificultades nas que se está a desenvolver a negociación colectiva, cunha clase traballadora amedrentada por mor dos mecanismos utilizados pola patronal baixo a escusa da crise (destrución masiva de emprego, EREs, concurso de acredores, deslocalización de empresas, etc.) e avalados grazas á reforma laboral decretada polo goberno español. Reforma que, denunciou, só serve para desregular ao máximo as condicións laborais, conxelar salarios, incrementar a flexibilidade, contratación á carta para a patronal e un abaratamento do despedimento. “A reforma laboral o único que fai é xerar máis desemprego e precariedade e agora, ademais, anúnciannos á desaparición da axuda de 426 euros para os parados que esgotaron as prestacións, xerando así máis miseria”.
Rexeitamento ao marco estatal de negociación no Metal
Neste contexto, o Secretario da CIG-Metal, advertiu que a negociación dun convenio marco estatal promovida por Confemetal e as centrais sindicais españolas resulta lesiva e regresiva para o conxunto dos traballadores e traballadoras galegas, xa que afasta a mesa negociadora dos centros de traballo e traslada a capacidade de decisión a Madrid. “Este é un modelo que a CIG está a combater e que sempre combateremos como sindicato nacionalista. Queremos convenios galegos nun marco galego de relacións laborais”, aseverou.
Esta centralización busca baleirar de contido a negociación dos convenios provinciais, e “dende a CIG criticamos a falta de lexitimación das organizacións sindicais estatais para negociar as condicións laborais da clase obreira galega”. Até hoxe, non existe un convenio único que vincule o conxunto do estado español no metal, tan só o denominado “Acordo marco do sector do metal”, de rango inferior, mentres que son os convenios provinciais os que regulan os cuestións máis relevantes.
“A sintonía entre UGT, CCOO e Confemetal supón máis poder para o ámbito estatal e significaría un ataque aos metalúrxicos galegos, xa que os convenios estatais xerarían un retroceso nas condicións laborais, salariais e sociais da clase traballadora”, alertou Bouzas. Non obstante, tanto CCOO como UGT amosáronse dispostos a chegar a un acordo coa patronal neste contexto, e asinar á baixa ás condicións laborais.
“O convenio estatal burocratiza a negociación colectiva, anulando a mesma e desactivando o sector, o mesmo que fan CCOO e UGT cos convenios de Lugo e A Coruña. En A Coruña somos, por primeira vez, o sindicato maioritario na mesa do convenio provincial, ao igual que dende hai 12 anos o somos en Pontevedra”, afirmou.
Bouzas Aboi animou aos delegados e delegadas a manter un sector vivo, asembleario e combativo. “Modelo este que é un exemplo de loita en todo o estado e que choca co de CCOO e UGT. Hai que explicarlle aos traballadores/as do sector que o modelo estatal é un chanzo máis de toda a serie de dereitos que nos queren recortar, pero á CIG non lle interesa un modelo sindical centralista, entreguista e colaboracionista co poder”, advertiu.
Ao contrario, subliñou que a CIG defende un sindicalismo reivindicativo, baseado na participación, no compromiso de clase e no compromiso con Galiza, “porque é o único modelo eficaz para defender os intereses da clase traballadora galega e para conseguir unha sociedade galega máis xusta, libre e democrática”, sentenciou.
A ofensiva do capital para debilitar á clase obreira
Os desexos da patronal do metal de trasladar a negociación á Madrid entroncan co anuncio de reforma da negociación colectiva realizada polo goberno español e que supostamente pretende aprobar nos vindeiros meses. O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, durante a súa intervención na asemblea de delegados/as, debullou os intereses que se agochan detrás desta vella reivindicación da patronal.
Seixo incidiu en que, a pesar do interese da patronal e o gran capital por modificar a estrutura da negociación colectiva, esta non tivo nada a ver coa situación de crise económica na que nos atopamos, mais si pode ter moita influencia na súa saída. É dicir, quérese eliminar o papel da negociación colectiva como arma para mellorar as condicións da clase traballadora, posto que “dentro deste modelo neoliberal de traspaso continuo das rendas dos salarios ás rendas do capital, a negociación colectiva supón un serio atranco para que capital asuma a maior parte da plusvalía do traballo”.
Neste sentido, destacou que o obxectivo é crear convenios marco de mínimos, para despois mellorar no ámbito das empresas. Isto supón, no contexto produtivo galego, onde o 90% das empresas non superan os 6 traballadores/as, que tan só nun número moi reducido de compañías, con cadros de persoal amplos e cunha organización sindical forte, poderían realmente levar adiante melloras dentro dese marco xeral. “Esta medida, o que vai ocasionar é unha caída xeneralizada das condicións laborais e dos salarios”. Así, explicou Seixo, xa existen estudos europeos que aseguran que nos próximos anos se executará unha baixada de entre o 20% e o 30% dos salarios no estado español. Para efectivizar este recorte, continúa, é fundamental romper o actual modelo de negociación colectiva.
Xunto a esta reforma, a patronal propón xeneralizar a aplicación das cláusulas de descolgue, un atropelo que vén de facilitar a reforma laboral ao permitir que sexa no propio ámbito da empresa onde se tome esta decisión, en lugar de na comisión paritaria. Unha medida que, aclarou o Secretario Xeral, a CIG vai tentar modificar.
Así, unha das propostas que levará a central sindical o vindeiro ano, pasa por conseguir condicionar as cláusulas de descolgue ao marco da comisión paritaria do convenio, que avaliará se hai motivos reais ou non para adoptar tal decisión. Porque ademais, denunciou Seixo, a patronal pretende que o descolgue se poida aplicar a calquera materia regulada no convenio, e non só ás cuestións salariais.
A outra proposta do empresariado consiste en eliminar a vixencia do convenio, “é dicir que cada vez que remate o período en vigor do convenio haxa que volver negociar todo o corpo normativo”. O Secretario Xeral da CIG alertou do “terríbel” escenario no que estas propostas deixan á clase obreira, mais non descartou que, continuando na liña de aplicar políticas neoliberais, o goberno español acabe cedendo tamén a esta demanda.
A mobilización como única resposta
“Novos recortes de dereitos para incrementar os beneficios do capital e para debilitar á clase traballadora. Ante esta crise, o capital non só pretende que sexamos os traballadores e traballadoras as que paguemos as consecuencias, senón que busca situarnos nun escenario de futuro onde quedemos tan debilitados que non teñamos capacidade para responder ás súas ofensivas”, alertou Seixo. De aí, a importancia de participar nas mobilización que a CIG ten organizadas a nivel comarcal o vindeiro 15 de decembro.