O día 4 de novembro, tras coñecer a decisión adoptada pola consellaría, o secretario nacional de CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas, rexistraba un novo escrito dirixido ao conselleiro de Industria, como máximo responsábel político, no que se lle indicaba que “se por parte da Xunta de Galiza se tiña coñecemento da non aceptación por parte da Comisión Europea da proposta de tax-lease realizada polo goberno español, non tiña que ter suspendido esta reunión senón todo o contrario, mesmamente adiantala”.
A CIG-Metal, a estas alturas descoñecía a decisión da consellaría de substituír a Mesa do Naval por unha xuntanza reducida con só tres entidades en representación de todo o sector no marco das mesas de Diálogo Social. Bouzas entende que deste xeito, Industria, optou por apoiarse en tan só dúas organizacións sindicais, cando o que tiña que facer era encabezar “unha proposta galega, contando coa opinión e co apoio de todas as partes interesadas en sacar da crise o Naval e frear a destrución de emprego”.
O contrario, que é o que finalmente se fixo, “é proba do sectarismo do PP que confunde o seu papel institucional como goberno da Xunta de Galiza, coa súa campaña electoral, intentando responsabilizar unicamente ao goberno central, ou sexa, ao PSOE, do fracaso da proposta de tax-lease, e eludindo a súa incapacidade para defender esas alternativas que ao parecer xa tiña no tinteiro, apoiándose para iso, agora, en CCOO e UGT”, afirma.
Bouzas insiste en que unha representación de Industria e dúas organizacións sindicais “non son todo o sector” e amosa a súa indignación polo proceder dunha consellaría que convoca e desconvoca, en cuestión de días, amosando a súa “absoluta falta de seriedade e a súa dependencia a decisións políticas que semellan máis saídas do gabinete de campaña que dun goberno”.