Dende a CIG explicaron que resulta imprescindíbel que as medidas encamiñadas a recuperar o sector se acometan antes de que remate o mes de xaneiro, porque do contrario “será xa tarde e a industria naval desaparecerá”. Lembran que neste período se resolverán algúns dos ERE´s e procesos concursais presentados polas empresas máis importantes, polo que apostan por unha folla de ruta de mobilizacións que se completaría nesta primeira fase cunha gran manifestación en Vigo para finais de mes.
O calendario de protestas contempla tamén unha concentración este xoves diante da delegación de Facenda na cidade coincidindo coa mobilización convocada pola CIG para rexeitar as medidas económicas adoptadas polo novo Goberno español do PP. As protestas retomaranse o martes día 17 cun acto na praza de Teis a partir das 10.00 horas no que se repartirá información entre os veciños/as coa intención de acadar a implicación de toda a sociedade. Para o xoves 19 está previsto realizar unha marcha entre Moaña e Cangas, dúas localidades en cuxa economía o sector naval ten un importante peso. Finalmente, esta fase de mobilización pecharase o xoves 26 cunha gran manifestación na cidade de Vigo.
Corte de tráfico
Os traballadores/as do naval da Ría de Vigo retomaron hoxe as mobilizacións despois das festas do Nadal cun corte de tráfico na avenida de Beiramar. A acción de protesta desenvolveuse entre as 11.00 e as 12.00 horas fronte ao estaleiro Barreras e provocou algunhas retencións de tráfico. Varios centos de afectados/as despregaron unha faixa chamando a defender o futuro industrial de Vigo e berraron consignas reclamando unha solución para o sector.