Os delegados da CIG explican que, previamente á publicación da balanza de resultados do último trimestre de 2011 (cos que a empresa busca xustificar os axustes), tiveron un coñecemento oficioso das pretensións de Alcoa, xa que esta realizou estudos previos para avaliar a eficacia das súas decisións. En menos de un mes, sinalan, a empresa move ficha e comunica o peche da factoría de Italia e a redución de 90.000 toneladas de produción nas plantas da Coruña e Avilés, coa conseguinte intención de aplicar unha suspensión temporal de emprego.
Cómpre lembrar que no ano 2009 Alcoa realizou un recorte de produción de semellantes dimensións ao que agora pretende, tamén amparándose no contexto de crise económica. Naquela ocasión a medida resultou moito menos traumática xa que a redución da produción se repartiu de xeito equitativo entre todas as plantas do conglomerado empresarial e no caso concreto da Coruña a caída da produción situouse arredor do 30%. Porén neste ano Alcoa concentra este axuste no peche de plantas e na redución drástica da produción nas factorías da Coruña e Avilés.
Por iso, dende a CIG-Alcoa subliñan que existen alternativas, posto que se a empresa aplicase novamente unha medida de reparto equitativo dos axustes de produción podería evitar o ERE.
Apertura de novas plantas en plena crise
Esta decisión empresarial contrasta coa inversión de 4.500 millóns de euros que a multinacional está a realizar en Arabia Saudita para construír unha nova planta que terá capacidade para producir unhas 750.000 toneladas anuais (aproximadamente o 75% da produción actual nas factorías europeas).
Ademais, hai uns tres anos a compañía inaugurou outra planta en Islandia, onde se producen unhas 350.000 toneladas anuais. Estes dous proxectos viñeron acompañados dun masivo desinvestimento nas instalacións que Alcoa xa tiña no resto de Europa.
Sobre esta cuestión, dende a CIG lémbrase que os problemas da factoría da Coruña comezaron co desmantelamento da liña de produción de fío, que precisamente foi deslocalizada á planta de Islandia. Así mesmo, o ano pasado executouse unha redución de persoal, que se concretou no despedimento duns 30 traballadores/as eventuais, cuxa actividade pasárona a realizar operarios destinados á mantemento. Esta decisión, critican os representantes da CIG en Alcoa, supuxo un abandono das instalacións.
“A situación de descapitalización, que nos fixo menos competitivos, comezou en 2009 e ten agora continuidade coa redución da produción. O que nos tememos é que este proceso de desmantelamento e deslocalización continúe até rematar co peche definitivo da planta da Coruña no momento no que a factoría de Arabia Saudita estea a pleno rendemento, situación que se prevé”, advirten, “para o ano 2013 ou 2014”
O problema da tarifa eléctrica
Aínda rexeitando as decisións empresariais, ben é certo que dende a CIG en Alcoa faise unha chamada de atención sobre o problema que supón o prezo da enerxía no Estado español. O alto custo da tarifa eléctrica, xunto á falta de actualización tecnoloxía, sinalan, limita a competitividade das factorías españolas. Neste senso, a representación do persoal advirte que o alto custe enerxético pode provocar o peche de todo o sector primario.