O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa polos responsábeis do Metal, que estiveron acompañados polo secretario comarcal de Vigo e polo propio afectado, Antonio Rosales, quen explicou que SyC resolveu co seu despedimento o expediente aberto por un suposto uso abusivo de horas sindicais durante a negociación do convenio colectivo de empresa que substituirá o do Metal da Coruña, xa que entende que se trata dunha falta moi grave.
Dende a CIG xa adiantaran unha “resposta contundente” na rúa e nos tribunais nada máis coñecer a decisión da compañía porque entende que se trata dunha manobra para desfacerse dunha persoa “combativa, coherente e respectuosa cos dereitos dos seus compañeiros/as”. Polo tanto, ademais de recorrer a medida nos xulgados, poñen en marcha un calendario de mobilizacións que inclúe unha convocatoria de folga de catro horas (de 8.00 a 12.00 horas) para os días 29 e 30 de xuño. Ao mesmo tempo, levarán a cabo concentracións en todas as estacións do país os días 18, 19 e 20 de xuño coincidindo co cambio de quenda (de 14.00 a 15.00 horas).
Os feitos remóntanse a novembro de 2011 coa constitución da mesa negociadora, da que pasou a formar parte. “Comunico en tempo e forma que vou facer uso das horas sindicais para informar os meus compañeiros/as por todo o país, tendo en conta que son a persoa de referencia da CIG nas ITV, pero a empresa di que non teño dereito”, comenta.
Con todo, Rosales non renuncia a coller as horas sindicais ás que ten dereito por lei e comunícao cunha semana de antelación cada vez que vai facer uso delas. “Había moito traballo por facer porque era necesario informar a todos os compañeiros/as, tendo en conta que era a primeira vez que se ía negociar un convenio de empresa, polo que me decidín a coller as horas, ademais de por principios sindicais”, indica.
A súa sorpresa chegou cando unha vez celebrado o referendo no que se aprobou o preacordo de convenio deixa de facer uso das horas e regresa ao seu posto. “Entón a empresa ábreme un expediente disciplinario porque di que faltei 59 días ao traballo; agora resólveo considerando que se trata dunha infracción moi grave e opta por despedirme”. O ex delegado da CIG en SyC asegura que é moi fácil de comprobar en que cada un deses días os que alude a compañía se atopaba nalgunha das estacións da ITV do país.
Responsabilidade da Xunta
O secretario nacional do Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi, lembrou que SyC ten o monopolio das ITV en todo o país grazas a que a Xunta de Galiza lle concedeu o servizo, polo que “entendemos que algunha responsabilidade debe de ter”. Aboi “para criticou a actitude da empresa, que cualificou como represora, e asegurou que o despedimento responde á intención de descabezar a CIG “para así poder facer o que lle dea a gaña”.
Neste senso, o responsábel do naval lembra que o despedimento se produce xusto despois de que a central nacionalista se opoña á aprobación do convenio, ao entender que é discriminatorio e introduce cambios nas condicións de traballo. “Cando dicimos que non o asinamos deciden despedilo”, denuncia. Finalmente, adiantou que despois das protestas convocadas “barallamos levar a cabo novas mobilizacións que iremos endurecendo en función dos acontecementos”.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo criticou o que considera unha “vulneración clara dos dereitos sindicais” é enmarcou o sucedido nun novo caso de represión sindical. Serafín Otero lembrou que o despedido foi asesorado pola CIG para coller as horas sindicais e fixo fincapé en que a normativa establece que o seu uso non é só para participar en negociacións, “senón tamén para informar, preparar xuntanzas ou incluso participar en manifestacións”.
Otero amosouse moi crítico coa actitude empresarial e dixo que a CIG comeza a estar acostumada e este tipo de feitos. “Temos un modelo sindical distinto e molestamos porque damos contestación, non somos pactistas”. Con todo, deixou claro que “comezamos a estar fartos” lanzou un aviso: “os empresarios/as que perseguen ós nosos afiliados/as e non respectan a liberdade sindical van deixar de estar tranquilos incluso na súa vida privada”.