Recollendo do patrimonio común aquelas ideas forza máis reveladoras da nosa razón de ser como organización, explicitamos como obxectivos da CIG-METAL os seguintes:
>A mellora progresiva xeral, individual e colectiva dos intereses das traballadoras e traballadores, da propia organización e do conxunto da sociedade galega, das condicións laborais e da calidade de vida.
>O Marco Galego de Relacións Laborais e a construcción da Central Sindical Única Galega.
>A aprofundación democrática e social constante cara a achegarnos a unha sociedade máis xusta e máis humana, sen explotación económica nin opresión política, calquera que sexan as formas en que esta se manifeste. Por eso pretendemos a superación do sistema capitalista e a construcción do socialismo.
>O pleno exercicio de tódolos dereitos humanos, individuais e sociais, sen discriminacións, incluído o de Autodeterminación.
>Promovermos o máximo respecto á dignidade humana, a paz, a democracia, a xustiza social e a igualdade, a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos atraveso da acción colectiva das traballadoras e dos traballadores.
>Fomentarmos a solidariedade internacional, o bo entendemento e a boa vontade universais, o antimilitarismo, a solución pacífica dos conflictos, o desarmamento e a reconversión da industria militar en civil, así como unha nova orde internacional xusta.
>Esixirmos a utilización pacífica, racional e ao servicio da toda a humanidade dos avances científicos e tecnolóxicos, e impulsarmos modelos productivos enerxéticos fundamentados ecoloxicamente.
>Loitarmos contra toda forma de racismo, xenofobia, ou prexuízo e discriminación na sociedade en razón de sexo, estado civil, enfermidade, idade, lingua, relixión, opinión política, opción social, posición social ou económica, orixe étnica, nacional e cultural.
>Impulsarmos a participación socio política e a inserción laboral e profesional das mulleres e mocidade na sociedade, asegurando a igualdade de oportunidades ea ausencia de discriminación, pularmos, de modo especial, polo seu papel dirixente nas organizacións sindicais.
>Elevarmos e defendermos os dereitos sindicais da afiliación atraveso do apoio xurídico, laboral, etc., ante os organismos e foros que fora necesarios. Fomentarmos a organización e a solidariedade e o apoio mutuo como mecanismo de defensa dos seus intereses.
>Promovermos as estructuras e accións necesarias para a plena integración na sociedade dos grupos máis desfavorecidos, co obxecto de eliminarmos as bolsas de extrema pobreza e marxinalidade combatendo as causas que as producen.
>Pularmos pola completa normalización lingüística do idioma propio de Galiza.