Principios

Sindicalismo de clase. A CIG-METAL é unha organización sindical que afirma, día a día, o seu carácter de clase, adoptando as decisións que en cada momento considera, para mellor defender os intereses inmediatos e xerais das traballadoras e dos traballadores galegos na perspectiva da transformación social.

Nacionalismo. A CIG-METAL se define como unha organización nacionalista porque Galiza é unha nación sen soberanía política, ao servicio de intereses alleos, submetida e dependente económica, política e culturalmente. A procura da nosa soberanía e o exercicio do dereito de autodeterminación son para nós irrenunciábeis. Desde a nosa independencia e autonomía sindicais, reclamámonos parte do movemento nacionalista galego.

Autoorganización. Entendendo que ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorablemente aos intereses do noso pobo se este non toma consciencia da súa propia identidade e traduce esa consciencia en organizacións propias e soberanas, a CIG-METAL é expresión da autoorganización das traballadoras e traballadores do metal galegos.

Solidariedade e internacionalismo. A CIG-METAL atraveso da súa confederación na CIG garante a unión e solidariedade de todos os traballadores e traballadoras con independencia do sector en que ocupen as súas actividades, do territorio onde vivan ou das diferencias e atrancos que podan existir. Así mesmo, estamos vencellados á loita común dos traballadores e das traballadoras do mundo pola súa completa emancipación e ás dos pobos que loitan pola súa liberación nacional.

Democracia e participación. A CIG-METAL entende a democracia como valor universal, garante a igualdade de dereitos da súa afiliación, asegura o funcionamento democrático de todos os seus órganos de dirección e elixe todos os seus cargos democraticamente. Fomenta a participación sindical e as asembleas de afiliados e afiliadas, así como as dos traballadores e traballadoras, como método para evitar o individualismo, o corporativismo e a burocracia, e como unha maneira de facilitar a coresponsabilidade nos debates e na toma de decisións.

Independencia. A CIG-METAL é independente e soberana na toma de decisións. Autogovernase e non está suxeita a control de ningún partido político, grupo de poder económico, ideolóxico ou relixioso.

Pluralismo. A CIG-METAL é unha organización plural. Nela conviven distintas sensibilidades e xeitos de entender a nosa sociedade, todas elas lexítimas e enriquecedoras. Respecta e fai respectar a liberdade interna e a diversidade de opinións políticas e ideolóxicas, tanto individuais como colectivas. Garante a liberdade de expresión e pensamento sen restriccións de ningunha caste, e cumpre e fai cumprir os estatutos dos que libre e voluntariamente se dota.

Transformación. A CIG-METAL e unha organización sindical transformadora. Para mellor defender e facer realidade os seus obxectivos, participa na vida sociopolitica e fomenta, así mesmo, a participación máis activa da súa afiliación.

Unidade. A CIG-METAL persegue a máis completa unidade dos traballadores e das traballadoras de Galiza nunha Central Sindical única Galega. Así mesmo, propiciará a máis ampla e posible unidade de acción sindical para acadar os obxectivos fixados.

Normalización. A CIG-METAL expresase en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza e promove a súa completa normalización. Respecta o uso das distintas formas de escrita entre a súa afiliación.