A Federación do Metal da CIG, en siglas CIG-METAL, é unha organización sindical integrada na Confederación Intersindical Galega. Somos unha organización creada por e para @s traballador@s siderometalúrxic@s galeg@s en tódalas súas ramas de actividade na defensa dos nosos intereses de clase, no proxecto dunha sociedade mellor.
A CIG-METAL, é o producto da fusión entre a (FTM) Federación de Traballadores do Metal da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) e o (SGM) Sindicato Galego do Metal da Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), queda constituída, o 18 de Xuño de 1994, no seu congreso fundacional, tres meses despois do congreso que deu nacemento á Confederación Intersindical Galega (CIG), previamente ámbalas dúas centrais sindicais galegas, CXTG e INTG asinaron un pacto de alianza o 2 de Abril de 1990.
Os primeiros xermolos do traballo sindical, iníciase nas loitas sindicais contra o franquismo e continua a través da negociación colectiva primeiramente na gran empresa e despois nos convenios provinciais do Metal alá pola década dos 70. Xa por aquelas datas funcionan as denominadas coordinadoras do Metal do (SOG), Sindicato Obreiro Galego.
A Federación do Metal da CIG asume como básicos os seguintes obxectivos: a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, d@s traballador@s; o Convenio Galego do Metal no camiño dun Marco galego de Relacións Laborais e a construcción da Central Sindical Única Galega; a superación do capitalismo e a construcción do socialismo; fomentar o antimilitarismo e a solución pacífica dos conflictos; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluíndo o dereito de Autodeterminación; a loita por unha nova orde internacional, mais xusta e solidaria; a plena integración na sociedade dos grupos mais desfavorecidos; a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en tódalas materias, etc.
A CIG-METAL é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galicia polo que reclamámonos nacionalistas e somos a expresión da autoorganización dos traballador@s, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que entende a democracia como valor universal e fomenta a participación sindical e as asembleas d@s afiliad@s e traballador@s, que é soberano na súa toma de decisións e independente respecto de calquera organización ou institución, no que conviven distintas sensibilidades e xeitos de entender a sociedade, considerámonos unha organización transformadora, que se expresa en galego e promove a súa completa normalización.
A CIG-METAL conseguiu a 31 de Decembro do 1999 nas eleccións sindicais un total de 735 representantes d@s traballador@s nun total de preto de 500 empresas o que nos da unha representación de mais do 29% d@s delegad@s a elixir no sector. Xunto cos resultados do conxunto da (CIG) Confederación Intersindical Galega convértenos en "sindicato mais representativo" a nivel de todo o estado español xunto a CCOO, UGT e ELA.